E TODO ISTO A QUE PREZO?
        O proceso de reorganización da Administración de Xustiza na Galiza na súa Fase III está deixando patente cal son os obxectivos desta macro reforma:
 - en manifestacións do Director Xeral, permite crear prazas na carreira xudicial sen necesidade de incrementar o cadro de persoal nos servizos comúns.
 - permite eliminar a convocatoria de prazas en comisión de servizo e substitución; de feito a Dirección Xeral xa manifestou a súa vontade de reformar a regulación actual
 - reduce o chamamento de persoal interino ao mínimo; a Dirección Xeral xa está de feito limitando as coberturas de prazas antes incluso de que entre en funcionamento a NOMO.
 - desaparición dos servizos de apoio
 - maior mobilidade involuntaria do persoal
 - redución dos centros de destino, incrementada pola negativa da Xunta a crear equipos estruturais
 
 Ante toda esta perda de dereitos, o resto de organizacións sindicais (SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT,UXT, CSIF, CCOO) asinaron un Acordo coa DX en virtude do cal:
 - se incrementa o CAT/CE en 225 euros/mes en 3 anualidades (2026,2027 e 2028)
 - as organizacións sindicais se comprometen ao apoio da implantación do NOMO
 - non haberá amortización de prazas e tampouco consolidación de reforzos nin creación de prazas novas.
 - deixa fora da negociación ou intervención sindical a elaboración dos protocolos de actuación.
 
 Parece que determinados puntos do acordo estanse a cumprir:
 - non hai amortización de prazas pero tampouco se crean alí onde si se crean órganos novos, polo que se nutren de persoal de outros órganos e, sobre todo, do servizo de apoio. Por exemplo, en Ourense, a pesar de que se crea un Xulgado de Violencia con 2 persoas de xestión e 6 de tramitación, os datos só reflicten 1 praza de tramitación máis que actualmente. Na Coruña, onde se crea un segundo xulgado de VSM só se crea unha praza de tramitación na cidade. É dicir, os mesmos e mesmas que xa estamos imos facer o traballo dos órganos novos, e tamén todo o que deixen de facer as persoas que asumen novas funcións por pasar a ter prazas singularizadas.
 - as organizacións sindicais non temos ningunha intervención na elaboración dos protocolos de actuación
 
 O que non parece estarse cumplindo é a parte retributiva do acordo, posto que a pesares de estar asinado dende maio aínda non foi publicado, e polo tanto non ten data de entrada en vigor. De feito, as rpts foron publicadas no DOG do día 11 de setembro coa mesma contía de CE que o actual CAT para os postos xenéricos.
 
 É dicir, a día de hoxe toda esta reforma é a custe cero para a Administración no tocante a gasto social. Porque ate o incremento económico que supoñen as prazas singularizadas vaise amortizar no futuro coa desaparición dos servizos de apoio: as prazas singularizadas que se crean son case as mesmas que as que desaparecen co complemento de apoio, polo que en canto este persoal deixe “a mochila” a Administración estará a pagar no monto total case o mesmo que agora.
Por outra banda, parte do custe desta nova organización estase a cubrir coa non tramitación da traxectoria profesional comprometida no último acordo.
Dende logo, para o que non serve esta reforma é para definir as funcións de cada posto, como levamos toda a vida reclamando. A Xunta negouse a facer unha avaliación dos postos, como establece a normativa, e distribuíu ao persoal dos corpos de tramitación e xestión sen ter en conta as súas funcións. Tampouco se fixaron as das xefaturas de equipo, aínda que si se deu a entender que queren encomendarlles algunhas do corpo de letrados/as. 
 
 
 A CIG NON ASINOU O ACORDO PORQUE NON APOIA ESTA REORGANIZACIÓN NON NEGOCIADA, NA QUE NIN SE CREAN PRAZAS NIN EQUIPOS ESTRUTURAIS. E MOITO MENOS SE TODO É A CUSTE CERO.
 RECLAMAMOS UNHA SUBA O 1 DE XANEIRO DE 2026 DO FUTURO COMPLEMENTO ESPECÍFICO, A PARTIR DA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DOS TRIBUNAIS DE INSTANCIA NA FASE III.