Erro humano, desamparo institucional. Traballadores abandonados
No CAISS de Tui, unha traballador/a da Seguridade Social comete un erro humano: un fallo na captura dunha xubilación. Un simple despiste, unha data mal introducida, un clic equivocado. Detrás dese erro, unha muller que deixa de cobrar arredor de 11.000 euros. Outro caso, noutro centro, supón que unha persoa cobre menos pensión durante o resto da súa vida. E o máis grave: o sistema non permite corrixilo.
Non é que non se queira arranxar. É que non hai mecanismo que o permita. Fiscal non fiscaliza os erros, nin acepta as dilixencias asinadas polos propios empregados recoñecendo a equivocación. A orde é clara: se o erro está no expediente, o expediente queda así. A cidadanía pode reclamar —por responsabilidade patrimonial, din—, e Madrid decidirá se merece unha indemnización. Un proceso lento, frío, afastado, que non devolve a dignidade nin a confianza perdida.
A traballadora non dorme tranquila. Non se formou para pedir desculpas por algo que o sistema lle impide reparar. E moito menos para dicirlle a unha persoa maior: “Equivoqueime, e non se lle vai corrixir. Cobrará menos o resto da súa vida.”
Mentres tanto, os CAISS seguen afogados. Coa escusa da pandemia e da falta de persoal, multiplicáronse as tarefas: atención presencial ata as 14:30, martes pola tarde, atención telefónica, expedientes descentralizados de toda España, tramitación de maternidades, paternidades, defuncións, rexistros telemáticos… Todo iso coa mesma plantilla, co mesmo estrés, coa mesma ansiedade, e cunha mensaxe implícita: non vos podedes equivocar.
Non hai corporativismo, nin protección, nin recoñecemento. Só silencio e medo.
E mentres, os cidadáns seguen acudindo ás oficinas, confiando na administración que debe protexelos. A mesma administración que se defende dicindo que “o cliente asinou” —aínda que esa sinatura se faga nunha tableta onde non se le nada—. Unha farsa legal que serve para tapar unha realidade: un sistema colapsado, inxusto e deshumanizado.
Os traballadores da Seguridade Social son o último muro entre a xente e o abandono. E tamén están sós. Sen apoio, sen ferramentas, e sen dereito ao erro.
O drama non é só administrativo: é moral e social. Porque cando unha institución pública non pode nin recoñecer nin reparar un erro, non falla unha persoa: fállalle o Estado enteiro.