Grupos de Traballo do INE e a Subcomisión e a Mesa Delegada do Ministerio de Economía Comercio e Empresa
O MINISTERIO DE ECONOMÍA E O INE, A EXCEPCIÓN PARA MAL.
O INE e o noso ministerio, son xa case os únicos organismos nos que non melloran as retribucións do seu persoal. Cada vez son máis os ministerios e organismos que contan con ferramentas para remunerar os esforzos do seu persoal, agora tamén o Ministerio de Política Territorial (Delegacións e Subdelegacións do Goberno) van a aplicar un novo sistema de produtividade que vai supor un pago mínimo de 400 €/mes para todo o persoal, incluído o persoal laboral, antes foron A Seguridade Social, o SEPE, a Inspección de Traballo, tamén Defensa (máis de 3000 €/ano en 2025, previas protestas do seu persoal), Transportes......No INE e no noso ministerio, pese a que dispoñen dun xeneroso orzamento para produtividade (o redor de 5.000.000 € só no INE), repártena principalmente entre os equipos directivos de Servizos Centrais e deixan as migallas para o resto, case nada no caso dos laborais, que na maioría dos casos nunca cobramos nin un Euro. Debemos ser os únicos/as improdutivos de toda a AXE. Quizais deberíamos ter isto en conta cando nos piden constantes esforzos para cubrir o traballo de todos os compañeiros e compañeiras que xa non traballan con nos. A conta é doada de botar, mentres hai persoas que perciben 18.000€ ó trimestre, outros nunca nada.
Desde a CIG estamos manifestando nas mesas de negociación a necesidade de que todas as organizacións sindicais iniciemos conxuntamente actuacións para forzar un cambio do sistema de reparto, máis equitativo, que chegue a todos e todas, baseado en obxectivos e similar ós antes mencionados. Pero como isto implicaría certa perda de privilexios para os nosos equipos directivos, que son os que deciden, e o resto de sindicatos non están dispostos a mobilizarse, pois seguimos e seguiremos como estamos, ou peor.
A precariedade dos cadros de persoal está chegando a un punto sen retorno, a singularidade de contar só con persoal laboral do Anexo II está limitando a reposición de baixas, motivadas principalmente por xubilacións e a anecdótica incorporación de C1 especialidade estatística. Mentres os cadros directivos do organismo seguen privatizando os traballos que deberían estar facendo empregados públicos, e así resúltalles máis doado tanto o seu traballo, como o acaparamento da produtividade. Pouco parece importar a especial protección dos datos que manexa o INE ou a calidade da recollida. O negocio estano facendo as empresas de sondaxes e TRAGSA que levan millóns de Euros cada ano.
Noutra orde de cuestións, estas son algunhas das últimas novas no noso ministerio:
• Temos un novo calendario laboral derivado da adaptación do anterior á xornada de 35h na AXE, que é unha das poucas novas que supón unha mínima mellora das nosas condicións de traballo. Agora toca pelexar pola xornada de catro días.
• Tamén temos un novo acordo para o reparto da produtividade do persoal laboral, como vos diciamos negocian as migallas (220.000€ para todos os laborais, que somos maioría e máis de 5 millóns para unha pequena parte da minoría). De todos os xeitos, tratamos de introducir medidas de control para que en todas as Delegacións Provinciais se fagan propostas, xa que co anterior acordo existían centros nos que non había ningunha. Como xa dixemos, debemos ser moi improdutivos.
• Preguntamos pola asignación de complementos E1 para o persoal de campo e o RTC para o persoal de oficina, parece que coma sempre chegamos tarde. Cando no resto de organismos os seus xestores solicitaron os complementos para o seu persoal laboral o INE decidiu esperar e agora Función Pública pechou a billa. Desde a CIG, aínda que non estamos de acordo coa financiación de complementos coa amortización de postos vacantes, entendemos que non se pode discriminar ó persoal do INe e reclamamos a tramitación dos expedientes.
• Estes días parece que por fin se está retomando a posibilidade de acollerse á Xubilación Parcial, que é sen dúbida unha das medidas máis aneladas por todos, máxime tendo en conta a elevada media da idade coa que contamos.
• Xa son case 200 efectivos do C1 especialidade estatística os que teñen recoñecido vía xudicial , ben a través de demandas colectivas ou de extensión das sentenzas existentes, o nivel 18 e a suba do complemento especifico mínimo, que lles sigue asignando Función Pública en contra de toda lóxica e dilapidando fondos en litixios que saben perdidos, animamos ó persoal que aínda non o fixo, a que o reclame.
• Está en marcha o primeiro concurso de traslados do persoal laboral do Anexo II e tamén publicarán en breve un xeral e un especifico para o persoal funcionario do organismo, prememos para que inclúan todos os postos ocupados provisionalmente, xa acadamos que se valore outra vez o galego nos méritos específicos, iso si, despois de presentar unha demanda no xulgado.
• Comunícannos que a toma de posesión do primeiro Proceso de Troco de Réxime Xurídico é inminente, que tiveron que solucionar certas incidencias burocráticas pero que Función Pública xa case ten todo listo para publicar no BOE. Manifestamos a nosa inquedanza sobre a posible publicación en pleno verán, pero din que seguramente sexa neste mesmo mes de xuño.
• Desde a CIG puxemos de manifesto á situación limite á que se está chegando nalgunhas delegacións, nas que por falta de persoal hai traballadores e traballadoras asignados a multitude de enquisas e incluso a diferentes técnicos o que está motivando elevadas cargas de traballo, roces e mal clima laboral, do non temos culpa algunha. Disto é do que se deberían estar ocupando os equipos directivos tan sumamente produtivos.
• Tamén volvemos a reclamar medidas inmediatas para eliminar a elevada exposición ó radon existente nalgún centro de traballo. Fai xa máis de catro anos que se detectaron elevados índices de radiación nalgún deles, sen que se adoptase unha solución definitiva ó problema, é máis só se están tomando medidas de mobilidade e presencialidade carentes de xustificación. Por isto interpuxemos desde o Comité de Empresa da Coruña unha denuncia na Inspección de Traballo, para instar ás persoas responsables a que executen inmediatamente as medidas necesarias para remediar definitivamente esta situación, ben sexa cun traslado de centro ou coas obras pertinentes, e tamén que informen adecuadamente das mesmas a todo o persoal e á súa representación sindical, cousa que non están facendo.