19 CENTROS DE GALIZA NON TEÑEN NINGÚN PERSOAL INFORMÁTICO, E A SITUACIÓN VAI A PEOR
A CIG volve esixir a cobertura efectiva das prazas de informática en Galiza, tendo en conta as necesidades do servizo: as prazas amortizadas, as ocupadas con persoal doutros corpos e as externalizadas.
OS DATOS NON ENGANAN
En Galiza hai preto de 1.850 persoastraballando na AEAT, e só 53 fan tarefas de informática - e só 25 son dos corpos específicos: 1 especialista por cada 74 efectivos, moi por riba do que o sector privado considera razoable.
19 CENTROS SEN NINGÚN PERSOAL INFORMÁTICO, 481 PERSOAS SEN COBERTURA
Alfándegas e SVA: a Aduana de Vigo, a Aduana Marítima de Ribadeo, a Aduana de Marín, Aduana Muros-S.V.A. e a Aduana do Aeroporto de Santiago.
Administracións:Santiago de Compostela, Carballo, Cee, O Carballiño, Verín, Ponteareas, Betanzos, Ribeira, A Estrada, O Barco de Valdeorras, Foz, Ortigueira, Celanova e Monforte de Lemos.
Entre os poucos centros que si teñen persoal, Ourense ten a peor proporción de toda Galiza: 1 só especialista para 138 efectivos.
E A COUSA VAI A PEOR. O próximo ano prodúcense varias xubilacións entre o persoal informático. E unha parte do persoal especializado que queda está valorando marchar a outros organismos e ministerios, pola carga de traballo e pola falta de promoción nos seus postos. Se non se actúa xa, a Axencia pode perder nun prazo moi curto boa parte da pouca capacidade técnica propia que lle queda en Galiza.
Que quede claro: NON SOBRA NINGUÉN. O persoal de corpos xerais (C1, C2) fai un moi bo traballo nas tarefas que lle corresponden, como entre moitas outras, a xestión de certificados dixitais, e seguirá facéndoo con normalidade. O que pedimos é máis persoal dos corpos específicos de informática: TAI, A2 e A1.
A CLAVE PARA RESOLVELO: O TRABALLO REMOTO É BIDIRECCIONAL.
O DIT en Madrid atende en remoto a toda España. Coa mesma lóxica, o persoal informático de calquera administración ou delegación de Galiza pode prestar soporte a calquera outra localidade. Isto podería ser a mellor ferramenta para atraer persoal técnico á Axencia Tributaria. Pero tamén hai que ter en conta que moitas das funcións que fai o persoal de informática son presenciais, xa que non se poden facer doutro xeito, polo que esiximos que se cubran todas as administracións con persoal informático propio e que se aumente o persoal informático propio tamén nas delegacións, xa que están a traballar baixo mínimos.
Esiximos responsabilidade cos cartos de todos e todas: cada externalización custa, segundo as nosas estimacións, catro veces o que custaría o persoal propio.
Esta petición súmase ás xa formuladas o 3 de febreiro, o 11 de marzoe o 24 de setembro de 2026, sen que se tivera dado resposta a ningunha delas.
A loita é o único camiño!