Intelixencia artificial e automatización na AEAT: a posición da CIG

Xoves, 16 Xul 2026

A irrupción da intelixencia artificial e dos procesos automatizados na Administración Pública é unha realidade, e desde o noso punto de vista está detrás de moitas das decisións que nos últimos anos a Dirección da AEAT está tomando, como levamos anos denunciando en relación coa externalización TI e o SEGA3.

Está irrupción da intelixencia artificial e a automatización nas administracións públicas ten tamén unha incidencia directa e cotiá no ámbito da xestión e a planificación do cadro de persoal da AEAT a todos os niveis, da formación á provisión de postos, da definición de tarefas ás retribucións.

Neste sentido, na CIG-Administración Pública consideramos que a automatización e a intelixencia artificial:

1. Non é modernización neutra: é un modelo en disputa

Na CIG non rexeitamos a tecnoloxía, pero vemos como a automatización de procesos parece estar en mans de intereses económicos do capital privado (capitalismo de vixilancia).
Na AEAT, isto ten nome propio: 472 millóns de euros externalizados entre 2023 e 2026 en contratos de TI, cunha Administración que cede a xestión de ferramentas críticas a empresas privadas en lugar de desenvolver capacidade tecnolóxica propia e pública.

2. SEGA3 e Cellebrite Pathfinder: exactamente o risco que denuncia o CIG
Entre os riscos identificados destaca a esixencia de:
  • Auditorías obrigatorias de impacto antes de implantar sistemas automatizados de vixilancia/control.
  • Transparencia e control algorítmico: rexeitamento explícito das “caixas negras”, onde non se poidan comprender as decisións tomadas polos algoritmos.
  • Órganos independentes de supervisión con participación sindical.
O seguimento que a CIG-AEAT vén facendo sobre o SEGA3 e ferramentas tipo Cellebrite Pathfinder enmárcase directamente aquí: son sistemas de monitorización/automatización implantados sen auditoría pública coñecida, sen participación sindical na súa definición e cunha opacidade total sobre os criterios e datos que manexan.
Esiximos que calquera despregamento destas ferramentas na AEAT cumpra as garantías que reclama a CIG: informe de impacto laboral e de protección de datos previo, e participación efectiva da representación sindical.

3. Emprego público: ningunha automatización pode custar postos de traballo
Na CIG consideramos que ningún proceso de automatización pode traer aparellado consigo destrución de postos de traballo, apostando pola redefinición de tarefas e mellora da cualificación do persoal afectado, non pola súa substitución nin pola externalización encuberta de funcións que deberían realizar empregadas e empregados públicos.
Isto conecta directamente coa nosa denuncia sobre a suplantación de funcións propias da Administración por parte de empresas privadas -xa sinalada noutros ámbitos como o SEPE- e que na AEAT se materializa na cesión de tarefas de xestión, control e tratamento de datos a contratas TI.

4. Soberanía tecnolóxica fronte a grandes corporacións
A CIG esixe priorizar tecnoloxías desenvolvidas internamente ou con centros públicos de I+D, e evitar a dependencia de grandes corporacións tecnolóxicas privadas- e, como consecuencia, do financiamento do xenocidio do pobo palestino. Na AEAT, onde a fragmentación de contratos e a externalización masiva son a norma, esta esixencia ten unha aplicación directa e urxente.

5. O que reclamamos na AEAT
  • Paralización de calquera proxecto de automatización ou monitorización (incluído o relacionado con SEGA3) que non conte con informe previo de impacto laboral e de privacidade.
  • Creación dunha mesa específica de dixitalización coa participación sindical efectiva na AEAT.
  • Publicación e acceso sindical aos criterios, algoritmos e fontes de datos empregados en calquera sistema automatizado que afecte ao persoal ou á cidadanía.
  • Garantía expresa de que ningunha implantación tecnolóxica na Axencia suporá redución de cadros de persoal nin privatización encuberta de funcións públicas.
Seguiremos a informar sobre a evolución destes procesos e esixindo á Dirección Xeral da AEAT o cumprimento das mesmas garantías democráticas que reclama o conxunto da CIG-Administración Pública.
A loita é o único camiño!