Manifesto da CIG en defensa do CIS CARMEN AVENDAÑO e dos servizos públicos penitenciarios de Vigo

Non á segregación e desafectación da antiga prisión de Vigo
Xoves, 03 Set 2026

A CIG manifesta o seu rexeitamento frontal ao proxecto do Goberno para segregar os terreos do actual Centro de Inserción Social Carmen Avendaño e desafectar as instalacións da antiga prisión de Vigo dos fins penitenciarios.

Esta decisión pretende pechar definitivamente a porta á recuperación dunhas dependencias públicas que son necesarias para ampliar e mellorar o CIS e o Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas (SGPMA). Non aceptamos que se queira desprender deste patrimonio público mentres o persoal desenvolve o seu traballo en instalacións insuficientes, obsoletas e precarias.

O Goberno afirma que o centro dispón de instalacións adecuadas, mais a realidade desminte esta afirmación.

O SGPMA conta unicamente con só cinco oficinas para todo o servizo e atender as persoas condenadas a traballos en beneficio da comunidade, executar programas de intervención, facer o seguimento das medidas alternativas e prestar atención ás persoas liberadas condicionais. Unha destas oficinas nin sequera dispón de ventilación natural.

Tres profesionais comparten unha oficina de apenas doce metros cadrados; os arquivos ocupan espazo dentro das propias dependencias de xestión; non existe unha verdadeira sala de xuntas nin para os equipos de observación; e un almacén de apenas tres metros cadrados, sen luz nin ventilación natural, foi reconvertido en despacho informático.

Tampouco existen aulas suficientes para desenvolver os programas individuais e colectivos establecidos nas resolucións xudiciais, nin unha unidade de acollida adecuada para os ingresos directos en medio aberto previstos na normativa penitenciaria.

Esta é a realidade que o Goberno pretende ocultar detrás das porcentaxes de ocupación e dos datos globais da Relación de Postos de Traballo.

O control telemático non substitúe os servizos públicos

Resulta especialmente grave que o Goberno empregue o aumento do control telemático como argumento para negar a ampliación do centro.

O uso de dispositivos telemáticos non elimina a necesidade de persoal, oficinas, aulas, espazos de atención individualizada nin programas de reinserción. Pola contra, incrementa as tarefas de seguimento, coordinación e intervención profesional.

A reinserción social non consiste en colocar un dispositivo e controlar unha pantalla. Require atención profesional, programas formativos, intervención psicolóxica e social, acompañamento laboral e coordinación cos servizos públicos e coas entidades sociais.

Reducir o sistema penitenciario aberto ao control telemático supón substituír a reinserción por unha simple vixilancia a distancia e desvirtuar os principios establecidos nos artigos 163 e 164 do Regulamento penitenciario.

Existe unha alternativa viable

A CIG defende unha proposta concreta, razoábel e perfectamente realizábel, recuperar e rehabilitar as antigas dependencias administrativas da prisión de Vigo, actualmente abandonadas, incorporando ao CIS e ao SGPMA arredor de 1.000 metros cadrados adicionais.

Esta actuación permitiría habilitar:

  • Tres aulas para programas formativos e de intervención.
  • Seis oficinas para o persoal profesional e de apoio.
  • Dous arquivos e dous almacéns.
  • Unha sala de xuntas e de equipos de observación.
  • Unha unidade de acollida para os ingresos en medio aberto.
  • Despachos individuais para funcións que esixen intimidade e confidencialidade.
  • Un espazo adecuado para conservar e consultar o arquivo histórico penitenciario actualmente depositado no centro da Lama.

Estamos ante dependencias públicas xa existentes, anexas ao actual CIS e que non precisan dunha modificación estrutural de grande envergadura. Desafectalas antes de valorar seriamente a súa utilización para reforzar o servizo penitenciario é unha decisión irresponsábel e contraria ao interese público.

Non permitiremos que se desfaga patrimonio público necesario

A propia resposta do Goberno recoñece que aínda non existe ningún acordo sobre o destino futuro dos terreos e das instalacións. Por tanto, resulta incomprensíbel que se avance na súa segregación e desafectación sen realizar previamente un estudo rigoroso das necesidades do CIS, do SGPMA e do persoal que presta servizo nestas unidades.

A CIG non aceptará que primeiro se desafecten as instalacións e, unha vez consumada a operación, se alegue que xa non están dispoñíbeis para usos penitenciarios.

Tampouco aceptamos que se utilicen cifras globais do centro penitenciario da Lama para negar as necesidades específicas do CIS de Vigo. A porcentaxe de ocupación das celas non mide a carga de traballo derivada das penas alternativas, dos programas de tratamento, do seguimento telemático, da atención ás persoas liberadas condicionais nin da intervención social.

Por todo isto, a CIG esixe:

  1. A paralización inmediata do proceso de desafectación das antigas instalacións penitenciarias de Vigo.
  2. A elaboración dun estudo real das necesidades de espazo, persoal e medios do CIS Carmen Avendaño e do SGPMA.
  3. A recuperación e rehabilitación das antigas dependencias administrativas para ampliar ambos os servizos.
  4. A creación dunha RPT propia e suficiente, adaptada ás funcións específicas dos centros de inserción social e das penas e medidas alternativas.
  5. A participación efectiva da representación sindical e do persoal na planificación das futuras instalacións.
  6. Un compromiso público coa reinserción social, dotado de persoal, medios materiais e espazos adecuados.

O patrimonio público debe estar ao servizo das necesidades sociais e dos servizos públicos. Non pode ser desafectado, abandonado ou destinado a outros intereses mentres o CIS e o SGPMA carecen de espazo para desenvolver dignamente as súas funcións.