Mellora salarial persoal funcionario do Ministerio de Defensa

Luns, 10 Nov 2025

O venres 7 de novembro recibíamos comunicación oficial desde o Ministerio de Defensa de que se daba luz verde a ofrecer ao persoal funcionario do Ministerio unha mellora salarial para este 2025 nos mesmos criterios aprobados para o persoal do réxime laboral: unha suba, con carácter extraordinario, e só para este ano, de 2400€ brutos a facer efectivos nas nóminas de novembro e decembro, co concepto de Productividade obxectivos do departamento.

Recibimos esta decisión con moderada satisfacción pois entendemos que é un primeiro paso que reafirma o principio que guía a nosa acción neste conflicto, a MOBILIZACIÓN dun persoal civil concienciado contra unha situación inxusta e discriminatoria, que orixinou o propio Ministerio subindo o salario da parte militar do seu cadro de persoal e deixando excluída à parte civil.

Entendemos esta nova decisión ministerial como a rectificación do acordo acadado co resto de organizacións sindicais da Mesa Xeral de Negociación de Defensa (CSIF,CCOO,UGT), escenificado na reunión do 17 de outubro en Madrid, pois fomos o único sindicato que se opuxo de maneira vehemente à certificación dunha nova discriminación entre o persoal civil.

Por este motivo, queremos rexeitar publicamente o papel xogado polo resto de organizacións sindicais que en lugar de cumprir a súa función de defensa dos intereses xustos e necesarios do persoal civil optan por buscar unha complicidade infame co Ministerio no desenvolvemento dun conflicto salarial profundamente discriminatorio.

Isto non é unha cuestión de colgar negunha medalla por ser o máis rápido en anunciar unha suba salarial cociñada nun acordo de despacho. As medallas non serven para afrontar o crecente custo da vida dun persoal público que vemos como remata este 2025 co salario conxelado e sen vistas a conseguir un novo acordo salarial para os próximos anos. Esta loita vai de conseguir salarios dignos para un persoal civil que leva anos demandando do Ministerio un complemento salarial que permita reverter a situación da baixa calidade retributiva deste colectivo.

Tendo en conta a nova situación, reafirmámonos na nosa vontade de continuar a mobilizarnos nas rúas de Ferrol este xoves 13 de novembro e a participar nas reunións da Mesa Xeral de Negociación ata conseguir rematar coa discriminación que orixinou este conflicto.

Solicitaremos à Subdirección Xeral de Persoal Civil a convocatoria dunha Mesa Delegada cun único punto da orde do día a tratar, as retribucións do persoal civil do Ministerio, pois entendemos que as cuestións retributivas deben ser materia de negociación coa representación sindical e non unha mera decisión unilateral do Ministerio.

Queremos parabenizar ao conxunto do persoal civil mobilizado e concienciado con esta situación por esta pequena victoria. Animamos máis que nunca ao persoal a continuar a mobilizarse ata lograr blindar esta suba salarial aprobada para este ano e que sexa de aplicación a todo o persoal civil independentemente do seu réxime xurídico (laboral, funcionario ou estatutario).