Melloras en seguridade e saúde: a CIG traslada as túas demandas ao Comité

Venres, 20 Mar 2026

O pasado 18 de marzo celebrouse a reunión do Comité Territorial de Seguridade e Saúde Laboral (TSSL) da Xefatura Superior de Galicia. a CIG presentou as propostas e queixas que nos trasladastes para mellorar as condicións de traballo en diversas dependencias, acadando os seguintes resultados en cada unha delas:

● Simulacros de evacuación en Santiago: Reclamamos que todo o persoal, incluído o de corpos xerais, participe nos simulacros. A Administración alegou razóns de servizo en oficinas de DNI ou Estranxeiría e que a decisión se toma en cada Comisaría. A CIG insistimos en que a formación en evacuación debe ser completa para que cada persoa saiba como actuar nunha emerxencia real e agora temos que dirixirnos a cada unha das Comisarías onde o persoal de corpos xerais quede excluído dese simulacro para que tamén o teñan en conta. Sobre a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, informaron da existencia dunha saída de emerxencia adaptada xunto ao ascensor.

● Riscos psicosociais en Vigo: Solicitamos formalmente unha avaliación de riscos por posible violencia psicolóxica no traballo na Comisaría de Vigo. Expuxemos o trato non profesional e as modificacións unilaterais que sofre o persoal. A resolución depende agora da Subdirección Xeral de Recursos Humanos, e desde o sindicato promoveremos a máxima participación cando se autorice esta avaliación.

● Climatización e aire: Informouse de que as reformas no sistema de climatización de Vigo xa están listas para o verán. No caso de Lugo, xa existe partida orzamentaria para instalar proximamente o sistema de renovación de aire na Oficina de Documentación.

● Ruído na Coruña (Avda. do Porto): Trasladamos o malestar polo exceso de ruído na oficina de DNI. Aínda que as medicións técnicas non superan os límites legais de disconfort, a DXP propuxo a colocación de protectores nas patas das cadeiras do público para reducir o impacto acústico e mellorar o ambiente de traballo.

Seguiremos vixiantes para que estas melloras e compromisos se executen de xeito efectivo.