Mesa de seguimento do Acordo de Carreira

Venres, 07 Mar 2025
Na reunión de onte, a Administración trasladounos un documento inicial cunhas liñas xerais do que queren implantar, pero moi incompleto, no que pretende desmantelar os avances acadados no Acordo de Carreira de 2007, substituíndoo por un modelo de carreira profesional que supón un retroceso inaceptábel para os traballadores e traballadoras da AEAT.

A proposta da Administración:
  1. Desmantelamento do Acordo de 2007: A AEAT pretende anular un acordo vixente e referencial dentro da Administración Pública, alegando que é "inaplicable xuridicamente". Porén, a normativa actual, en particular a disposición adicional 12ª do RD 6/2023, avala claramente a vixencia deste acordo e a posibilidade de mantelo e actualizalo.
  2. Carreira horizontal baseada na avaliación subxectiva: Queren substituír un sistema baseado na experiencia e nos dereitos adquiridos por un modelo de progresión baseado en criterios arbitrarios como a "especialización" ou o "esforzo". Isto implica que o acceso aos tramos superiores dependa dun sistema de avaliación do desempeño sen garantías obxectivas e sen mecanismos de control sobre quen avalía. Para a carreira horizontal vaise introducir un novo complemento de Carreira, deixando para a carreira vertical o cambio nos complementos específicos.
  3. Eliminación da "mochila retributiva": A Administración pretende que os traballadores perdan os dereitos retributivos adquiridos ao cambiar de posto (CE), convertendo a carreira horizontal nun simple proceso de concurso sen garantías de mellora salarial ou de condicións laborais.
  4. Formación e avaliación como ferramenta de control: Propoñen un sistema de formación obrigatoria con exames e avaliacións que penalizan @s traballador@s no seu tempo libre e non garanten unha progresión xusta na carreira profesional.
  5. Carreira vertical restritiva e clientelar: A Administración busca converter a carreira vertical nun instrumento de control, sen garantir prazas suficientes para os diferentes subgrupos e mantendo a discrecionalidade na asignación de postos.

Dende a CIG esiximos:
  • O respecto á vixencia do Acordo de 2007 e a súa adaptación conforme á normativa actual, sen desmantelar dereitos adquiridos nin implantar modelos regresivos. En calquera caso, se fora imprescindíbel facer un novo acordo, desde a CIG non estamos dispostos a perder ningún dereito dos asinados no 2007.
  • A consolidación da carreira horizontal baseada na antigüidade e a experiencia, sen avaliacións subxectivas nin concursos que poidan provocar perdas retributivas, así como tamén que se actualicen os tramos automáticamente.
  • Unha carreira vertical xusta e transparente, con criterios obxectivos e garantías de promoción para todo o persoal, sen clientelismos nin favoritismos.
  • A reactivación inmediata das reclasificacións comprometidas.
  • Unha formación accesible e sen penalizacións, incluída dentro do horario laboral e sen requisitos de avaliación que limiten a progresión profesional.

Esta é a terceira reunión da Mesa do Acordo de Carreira e, unha vez máis, continuamos a esixir que se nos aporte unha proposta completa para o Acordo de Carreira por parte da AEAT.

Na CIG non aceptaremos un retroceso nos dereitos da clase traballadora da AEAT. A nosa postura é clara: defenderemos a mellora das condicións laborais e retributivas de todo o persoal, pero sempre tendo en conta que hai que priorizar a defensa  do persoal que menos retribucións percibe, a mobilidade garantida polos paneis e unha carreira profesional que respecte os dereitos adquiridos polo persoal. Non podemos permitir que se desmelloren as condicións laborais e os dereitos adquiridos.