Mesa Delegada Dirección Xeral de Tráfico
Xuntanza da Mesa Delegada de DGT. Novidades:
Sobre calendario laboral: como hai que aplicar a nova Resolución aprobada na Secretaría de Estado de Función Pública que recolle, entre outras cuestións, a xornada semanal de 35 horas, a DGT está ultimando un texto que recolla e adapte as novidades que enviará ás centrais sindicais a próxima semana. Convocará a segunda semana de maio xuntanza para debater e acordar o calendario laboral coas modificacions pertinentes que deberá aprobarse antes de rematar o mes. En tanto, segue vixente o actual, incluíndo a xornada ríxida ata as 14:30 horas. De momento aplícase, tal e como obriga a norma, as 35 hora semanais, suspendéndose a media hora que se contemplaba no Plan de Mobilidade, o que na práctica supón que quedamos como estabamos.
Concursos: están a piques de enviar un concurso xeral á Función Pública para a súa autorización e posterior publicación. Convocaranse nel prazas de niveis 18, 22 e examinadores. O obxectivo é resolvelo antes do nomeamento do novo persoal examinador da OEP e dar oportunidade a este colectivo de moverse previamente. Este concurso xeral e o específico xa publicado, resolveranse máis menos á par, priorizando o concurso xeral de ser preciso; en calquera caso prevese a resolución de ambos entre agosto e setembro. Desde a CIG lamentamos que non se aproveite para convocar tamén xa prazas de operadores. Anuncian que o seguinte concurso que se convocará si será de operadores de información que previsiblemente non poderán sacar antes de final de ano- principios do 2027.
Está en marcha un proxecto de modificación de RPT do organismo que se adapte ás novas necesidades e que pretende dar solucións ás eivas estruturais da DGT e, ao mesmo tempo, resultar atraínte para o persoal. Unha primeira fase, xa en Función Pública, reestrutura o esquema directivo e propón a creación de varias subdireccións adxuntas e creación de xefxs de sección (niveis 22, 24 e 26) en Servizos Centrais e a creación de xefaturas territoriais (por comunidades autónomas).
Unha segunda fase abordará modificación de postos máis xerais, que son os que nos afectarán aos servizos periféricos. Esperemos que isto tome corpo máis pronto que tarde e que o persoal de xefaturas non volvamos ser os esquecidos do organismo. En calquera caso ambas proxectos ou fases deben contar coa autorización tamén de Facenda. Neste momento a primeira fase está en fase de informe de F.P.
Tamén vaise poñer en marcha en maio un Plan (piloto) de Reforzo Operativo de exames (PRO) co que dar resposta a aquelas xefaturas con alta demanda e retraso de exames. De ser preciso, porase a disposición da cidadanía exames en horario de tarde e sábados con examinadores voluntarios para atender a demanda incluso fóra da súa xefatura de orixe.
Por outra banda están avanzando nun procedemento de avaliación de desempeño, piloto nas xefaturas de Lugo e Coruña. Non achegan información completa á espera de poder concretar datos.
A xestión de postos mediante deslocalización que ultimamente viña usando a DXT para “reordenar” recursos humanos dalgunhas subdireccións está paralizado por Función Pública por entender que pode supoñer unha competencia desleal con outros organismos e que se usa para atraer (e detraer) persoal doutros organismos. Non obstante, desde Función Pública están a estudar o modelo para aplicalo en toda a Admón do Estado. Nese sentido, desde a CIG esperamos que F.P. atenda a nosa demanda que é nin máis nin menos que se identifiquen aqueles postos que poden ser exercidos de xeito deslocalizados para que todo o persoal interesado no organismo poida optar a eles en igualdade de condicións a través de concursos de traslado. Hai moito persoal ubicado nos servizos periféricos que optarían gustosos ás funcións e ás condicións económico-laborais deses postos (posibilidade de solicitar complemento de maior dedicación, varios días de teletraballo…), postos que ata agora so optaba persoal destinado en Madrid ao que se ten facilitado mobilidade a demanda.
O Plan de Acción Social vai publicarse con retraso por problemas técnicos que se espera solucionar pronto.
Implementación de melloras nos centros desprazados de exames: as condicións dalgúns destes puntos son motivo de queixa no colectivo de examinadores ao non dispor de baños, zona de sombra, etc…. Requirironse informes completos das xefaturas para analizar a situación e buscar solucións; segundo informan estánse a tomar medidas xa en varios sitios.
Incorporación de persoal examinador: os provenientes da OPE están pendientes de curso selectivo e incorporaranse despois do verán. Convocaranse a maiores 50 postos para cobertura por persoal da DGT que o solicite e supere o curso selectivo. En calquera caso: a RPT deste colectivo ten un índice de cobertura dos máis altos da administración.
O protocolo de actuación de emerxencias climáticas (instrucción RRHH-MOV 2026/01) aprobado é fonte de queixas do persoal dos Centros de Xestión e UME, polo que a DGT comprométese a recoller propostas de modificación.