MESA SECTORIAL DE MADRID: CARREIRA PROFESIONAL

Martes, 16 Set 2025

A CIG ven de asistir no Ministerio de Xustiza á primeira reunión do grupo de traballo sobre a Carreira Profesional.

O grupo de traballo está encamiñado á negociación do que vai ser o complemento salarial da Carreira Profesional, que como establece a LOPX no artigo 519, debe regularse mediante Real Decreto, previa negociación coas organizacións sindicais, presentes na Mesa Sectorial do Ministerio de Xustiza (CIG, ELA, Csif, Staj, Ccoo e Ugt). No RD estableceranse os criterios, requisitos e as contías iniciais que serán iguais para todos os corpos e para todo o Estado.

RD necesario para que en Galiza poidamos ter un acceso ordinario regulado e deixar de estar a expensas das ganas que teña a DXX ou da proximidade a unha convocatoria de eleccións para que se abra unha convocatoria extraordinaria. Tamén resulta imprescindible para que as compañeiras e compañeiros que traballan fora poidan volver co grao recoñcedido que lles corresponda, igual que os trienios.

De entrada, xa conseguimos un gran avance con respecto ao recollido na Resolución do 14 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza. Desaparecería a permanencia obrigatoria de 5 anos no grao inicial, podendo acceder directamente ao grao I se contas con 5 anos de servizos. Contémplase tamén a redución dun ano para o acceso ao grao IV respecto da mesma Resolución.

O Ministerio informa que a valoración do desempeño ten que quedar recollido no texto, pero aínda non se tratou como facelo. Tamén manifesta que aínda non teñen avaliación económica das contías.

Dende a CIG reclamamos a incorporación ao documento de negociación:

  1. As contías que lle corresponderán a cada corpo e que, cando menos, deber corresponder ao 15% do soldo base de cada corpo, diminuíndo así as diferenzas que mantemos en Galiza froito do acordo inicial subscrito por algunhas ooss coa Consellaría, daquelas, de Rueda.
  2. Todos os cursos deberán ser valorábeis con independencia da duración e da data de obtención. Só se deberían valorar os impartidos ou recibidos por organismos públicos.
  3. O RD ten que establecer expresamente que, quen reúna o resto de requisitos, se encadrará directamente no grao que lle corresponda.
  4. O recoñecemento dos graos o cómputo dos servizos prestados debe ser sobre o total de servizos prestados en todas as administracións, con independencia do corpo e vínculo.