MESA SECTORIAL DE MADRID: CARREIRA PROFESIONAL
A CIG ven de asistir no Ministerio de Xustiza á segunda reunión do grupo de traballo sobre a Carreira Profesional. A negociación avanza lentamente polo que lle reclamamos ao Ministerio que traia á mesa xa o documento a negociar enteiro e non folio a folio como está a acontecer, ao que accedeu, comprometéndose a aportalo para a seguinte reunión.
O Ministerio insiste en valorar unicamente os servizos prestados na Administración de Xustiza, así como que, ao cambiar de corpo, compute a fracción de tempo traballado no corpo anterior, unicamente nos casos de promoción interna. Esta cuestión poría unha nova lousa enriba das ompañeiras/os do corpo de Xestión que queren traballar de LAX en substitución.
Tamén puxo enriba da mesa a opción de alongar os tramos, coa escusa de incentivar toda a vida laboral.
Sobre a valoración do desempeño tamén afirmou o Ministerio que ten que ser mediante informe, polo que dita valoración vai ser subxectiva. Segue sen aportar a avaliación económica das contías.
Dende a CIG rexeitamos esas posturas e insistimos na necesidade de ter xa o documento completo, de coñecer as contías de cada grao, que estes non superen os seis anos por tramo, que computen os servizos prestados en todas as administracións e que haxa un encadre directo no grao que corresponda por antigüidade.