MESA SECTORIAL DE XUSTIZA - 10/11/2026

Martes, 10 Nov 2026

1. Orzamentos: 

Na reunión celebrada hoxe abordáronse, entre outras cuestións, os vindeiros orzamentos e as posibles modificacións das relacións de postos de traballo (RPT).

Recoñecen a falta de persoal, pero a través dos orzamentos para 2027 só lles permitiron crear 27 prazas.

O director xeral trasladou unha serie de datos sobre a evolución da actividade xudicial, sinalando que 2024 foi o ano no que entraron máis asuntos, 2025 o ano con máis resolucións e 2026 será o ano no que máis se executou.

A partir destes datos, indicou que a intención da Administración é abordar primeiro os reforzos con persoal interino e, posteriormente, acometer a posible modificación das RPT que, basicamente, consistiría en mover persoal dun servizo a outro.

O propio director xeral recoñeceu que existen áreas de execución claramente infradotadas e que as necesidades non se limitan ao persoal funcionario, senón que tamén fan falta máis letrados e letradas da Administración de Xustiza.

Porén, a realidade orzamentaria que trasladou é bastante máis preocupante: os orzamentos dispoñibles unicamente permitirían crear 27 novas prazas en toda Galicia, distribuídas entre corpos do seguinte xeito:

- 2 prazas de auxilio xudicial.
- 19 prazas de tramitación procesual.
- 6 prazas de xestión procesual.

É dicir, 27 prazas para unha Administración de Xustiza que leva anos acumulando carga de traballo, cunhas necesidades de persoal que a propia Administración recoñece que existen.

Desde a CIG preguntámonos: temos que botar ao chou a quen lle van tocar estas 27 prazas?

Porque, con estas cifras, resulta evidente que non se van cubrir nin de lonxe as necesidades reais dos órganos xudiciais galegos.

O director xeral tamén sinalou que haberá que esperar aos orzamentos de 2028 para volver revisar as RPT. Pola súa banda, a subdirectora apuntou que unha das dificultades é que os recursos económicos se destinan á traxectoria.

Desde a CIG entendemos que non se pode seguir adiando unha solución que resulta imprescindible. Non abonda con recoñecer que hai órganos infradotados nin con anunciar pequenos reforzos: cómpre unha planificación real, con creación de prazas suficientes e unha revisión das RPT adaptada ás necesidades actuais.

A nosa preocupación é clara: se non se adoptan medidas, o que hoxe xa é unha situación de sobrecarga acabará converténdose nun colapso da Administración de Xustiza.

 

2. Atenea: versión en galego, formación e problemas na implantación

O segundo asunto abordado foi a implantación de Atenea, especialmente no relativo ás necesidades de formación do persoal e á versión en galego.

Segundo manifestou o Director Xeral, o día 1 de xaneiro toda Galiza debe de traballar si ou si en Atenea, xa que se implantará o contador único por sección. O 28 de febreiro xa non se poderá usar Minerva ao rematar o prazo das licenzas de dita aplicación informática. En todo caso, como Atenea usa a mesma base informática que Minerva non vai a haber unha migración de datos como tal se non que simplemente Atenea vai a usar os mesmos datos que xa viña usando Minerva da súa base de datos.

Desde a CIG trasladamos varias cuestións que consideramos fundamentais para que a implantación da nova aplicación non supoña máis dificultades para o persoal:

Formación e preparación do persoal maís personalizada e con persoal propio de xustiza que coñeza o programa e como se tramita nun órgano xudicial. Solicitamos como algo fundamental a dispoñibilidade dun simulador de Atenea que permita ao persoal facer probas no programa sen interferir coa tramitación real.

En relación coa versión en galego, a Administración informou de que as carátulas xa están preparadas e que se está traballando na tradución dos modelos. A implantación comezará pola xurisdición civil, concretamente polos procedementos monitorios, para continuar posteriormente co resto de procedementos e xurisdicións.

3. e 4. Traxectoria e Calendario laboral. Quedaron pendentes para o luns 16 as alegacións de todas as centrais sindicais para ser valoradas na vindeira xuntanza da mesa sectorial 0 24 de novembro.

5. O protocolo conxunto de acoso laboral está ultimado para a Dirección Xeral, depois de ter incluido aquelas alegacións que estimou convintes e, polo tanto quedaría pendente da sinatura co Ministerio de Xustiza ainda que neste momento ven bastante complicado que se poida realizar dita sinatura.

6. En canto a ampliación do goce das vacacións o Director Xeral confirmou que as mesmas poderan desfrutarse ata o mes de marzo.

7. En canto as prazas de maxistrados a crear o 31 de decembro manifestaron que en principio non ian supoñer máis persoal dos corpos xerais (salvo que saian das 27 que se van crear este ano). Crearanse as seccións de Violencia de Xenero de Lugo e a de Pontevedra (que poden ser comarcalizadas) a Sección 3ª e a 4ª da AP da Coruña e a Sección 3ª de Pontevedra e a 6ª de Vigo. Se o goberno chega a poder dictar o Real Decreto de comarcalización Lugo quedaría con Sarria e Vilalba e Pontevedra con Marín, Caldas, Cambados e Vilagarcía de Arousa. Vigo e Coruña seguirían sen comarcalizar.

Resslulta  moi preocupante que as novas prazas de maxistrado ou maxistrada que se creen non leven aparellada a correspondente dotación de persoal funcionario. Isto supón incrementar a estrutura xudicial sen garantir os medios humanos necesarios para que poida funcionar correctamente.

Desde a CIG consideramos que esta situación está abocada ao colapso: crear novas prazas xudiciais sen dotación de persoal funcionario significa trasladar máis carga de traballo aos equipos que xa están saturados.

 

8. En canto as gardas de 24h do Imelga, punto que se solicitou por este sindicato que fora incluído na orde do día desta xuntanza, o Director Xeral indicou que estaban traballando para poder implementalas pero que primeiro tiñan que cumprir unha serie de requisitos como crear a unidade MIR de médicos forenses de Galiza. Xa se pasou o orzamento para que poida ser validado por facenda e tamén se asinará un convenio co Sergas. A implantación empezará polas cidades da Coruña e Vigo.

9. Teletraballo. O Director Xeral xa indicou que, en tanto en canto non estea completamente asentada a nova estructura xudicial e sumado agora a implantación de Atenea, non vai a haber teletraballo. Dado que lle estamos transmitindo desde as centrais sindicais, todos os días, o caos existente, con esta situación non ve viable a implantación do teletraballo.

Noutros temas, como o concurso de traslados, a adminsitración indicou que aínda non se facitaron as prazas correspondentes ao Ministerio de Xustiza xa que, de momento, non foron solicitadas. 

En canto as ofertas de prazas desertas as opositoras/es aprobados indicou a subdirectora que non se van a ofertar máis prazas que as de aprobados posto que hai que andar con coidado para ter prazas suficientes para o resto de procesos selectivos aínda activos. O criterio que se seguiu para a elección de ditas prazas foi a antiguidae das mesmas, é dicir, a data de desocupación. Ao parecer pola lei 20/21 as prazas que xa estiveron ocupadas por tres anos con persoal interino non poden voltar a ser cubertas con interino, de aí que teñan que nomear reforzos temporais ata que sexan adxudicadas ao persoal de novo ingreso e por iso as prazas máis antigas serán as que se oferten primeiro.