Mesa Xeral: A AEAT pretende negociar algúns horarios especiais sen negociar o calendario 13/11/2026

Luns, 16 Nov 2026
A mediodía de onte tivo lugar unha xuntanza da mesa xeral da AEAT para “negociar” a adaptación dos horarios do SVA. A intención de non chegar a acordo algún da Dirección da AEAT quedou patente desde antes de iniciar a xuntanza dado que a mesa non estaba presidida pola persoa que legalmente está indicada para facelo, o Director de RRHH, ausente

Entre iso e que o tema era adaptar os horarios ao calendario laboral imposto por Resolución de xeito unilateral pola anterior directora xeral da AEAT o pasado mes de xuño era máis cá evidente a mala fe da Dirección da AEAT na “negociación”

Desde a CIG advertimos que todo isto facía evidente que non se buscaba negociar nada. Máis aínda tendo presente que, se a Resolución de xuño eliminaba o incentivo de presenza, a proposta que onte defendeu Relacións Laborais aproveita a suposta adaptación dos horarios para recortar á baixa os coeficientes do horario do SVA

Para a CIG non ten xeito negociar horarios especiais á marxe de todo o calendario, imposto pola Dirección Xeral de xeito unilateral e evitando negociar absolutamente nada- se acaso, nunha reunión de corredor con invitados escolleitos a dedo da que a Dirección da AEAT negouse a darnos conta

Igual que non ten xeito negociar uns horarios especiais (os do SVA, en parte) e deixar outros fóra (Buques de Operacións Especiais do SVA, pero tamén ADIs, Informática…)

Desde a CIG denunciamos que a Dirección da AEAT trolea consciente e deliberadamente o cumprimento do acordo acadado en Función Pública para reducir a xornada laboral a 35 horas. Fíxooo cando eliminou o incentivo de presenza efectiva e faino ao reducir, aproveitando, ao pasar de 150 a 140 horas mensuais no SVA, para reducir os coeficientes do persoal operativo para compensar turnicidade, penosidade, insalubridade, nocturnidade… Como se fora menos noite ou menos perigoso navegar 5 horas cá 6!

Desde a CIG denunciamos que a Dirección da AEAT continúa a súa liña de, abusando da profesionalidade do persoal da Axencia, recortar dereitos, retribucións e precarizar cada vez un pouco máis as relación de traballo. Non é só xa que se negue en redondo a compensar de ningunha maneira o progresivo empobrecemento do seu persoal, é que tamén recorta todo aquilo que non é estritamente económico pero que contribúe a mellorar as condicións de traballo do seu persoal

Advertimos que non imos ser cómplices de recortar o contido de ningún dos acordos que fixeron no seu día á AEAT ser vangarda da función pública do estado. Desde a CIG cuestionamos que a liña da Dirección da AEAT sexa sacar todo ao seu persoal, exixir cada vez máis pagando cada vez menos e, se acaso, dar algunha produtividade

Os feitos veñen darnos a razón, a posibilidade de negociar absolutamente nada con esta Dirección da AEAT é nula. En consecuencia, a loita é o único camiño