Mesa Xeral. Campaña de Renda: un modelo retributivo inxusto e antisocial

Martes, 25 Mar 2025
Na mesa xeral a AEAT insistiu na mesma proposta regresiva para a Campaña de Renda 2025-2027, un incremento dos bloques retributivos desigual:
  • Suba do 9,80% para coordinadores.
  • Suba do 7,90% para operadores.
  • Suba do 5% para o persoal de apoio
Este modelo beneficia aos que máis cobran (coordinadores) e prexudica os tramos salariais inferiores. E perde de vista que, sen @s operadores, que son quen asumen a verdadeira carga de traballo da Campaña de Renda, non hai campaña. Na CIG desoñecemos que mecanismo opera na mente dos responsábeis da AEAT para pensar que se hai unhas semanas rexeitamos este tipo de subas regresivas agora vaiamos aceptar exactamente a mesma proposta

A novidade desta proposta con respecto á das pasadas semanas era simplemente dobrar o tempo para chegar a casa desde as Adminsitracións para facer quenda de tarde do Plan Le Llamamos (que pasa de 30 minutos a “como máximo 60 minutos”) e unha nova táboa retributiva para os supostos de facer horas entre as seis e as oito do serán ou o sábados pola mañá. Isto é, nunha nova volta de torca, a Dirección da AEAT pretende dar ao traste coa conciliación da vida persoal e familiar do seu persoal que fai campaña de Renda e hipotecarlles a fin de semana pagando unha hora máis a 40 euros un sábado pola mañá

Desde a CIG consideramos esta proposta inaceptábel e defendemos unha suba liñal- xa de por si regresiva, dado que entendemos que habería que subir máis nos tramos máis baixos debido á perda de poder adquisitivo do persoal público nos últimos lustros- do 10% para todos os colectivos. Non podemos permitir que a Dirección da AEAT siga afondando na desigualdade salarial, aplicando modelos antisociais e fomentando agravios entre os traballadores e menos que se aproveite da perda de poder adquisitivo das empregadas públicas para seguir a empobrecer ao seu persoal e impoñer condicións de traballo cada vez peores


Paneis de Mobilidade e golpe xudicial á AEAT

O Tribunal Supremo vén de inadmitir o recurso da AEAT sobre o Panel de Inspectores de 2023, confirmando que a Administración vulnerou a negociación colectiva. Xa advertimos no seu momento da intención de configurar dous modelos de carreira para o persoal da AEAT- inspectores e resto- e das consecuencias que isto podía traer

A AEAT insiste en buscar unha "solución", pero desde a CIG advertimos que estaremos vixiantes para que non se prexudique aos traballadores pola mala xestión da propia Dirección: para a Xustiza o panel de inspectores é un panel máis, son persoal da AEAT como calquera outro subgrupo e, polo tanto, teñen que ser tratados como todos os demais a efectos de paneis, pero tamén de carreira

Conversión de 200 prazas de fixos-discontinuos en fixos a tempo completo

A AEAT confirmou que a CPVIE do 25 de marzo negociará as bases para converter 200 prazas de fixos-discontinuos en prazas de tempo completo. Desde a CIG esiximos que este proceso garanta criterios transparentes e obxectivos, evitando discrecionalidades e asegurando que se cubran as necesidades reais do servizo.