Ministerio de Transportes e Movilidade Sostibel Subcomisión Paritaria
Administración financia complementos con vacantes mentres se acumulan atrasos e incertezas
Complementos: vacantes como fonte de financiamento
No recorrente asunto dos complementos, a Administración pretende propoñer ante Función Pública o traslado de complementos asociados a postos vacantes cara a outros postos actualmente ocupados.
Isto confirma que non existe vontade de buscar novas fontes de financiamento. Pola contra, estanse utilizando os postos vacantes das RPT como unha bolsa orzamentaria, en lugar de consideralos postos que deben volver cubrirse ou transformarse naqueles que realmente sexan necesarios para o funcionamento dos servizos.
Ademais, trasladouse que os expedientes de complementos que sexan rexeitados por Función Pública non volverán presentarse modificando alegacións ou corrixindo os motivos do rexeitamento. Os expedientes denegados consideraranse pechados e, de querer retomalos, deberán iniciarse de novo dende cero, entrando outra vez na cola de tramitación. Esta decisión deriva do elevado número de solicitudes que recibe Función Pública.
Segundo a información facilitada, presentaranse proximamente dous expedientes de complementos ante Función Pública, os días 2 e 25. Agardamos que entre eles se atope o correspondente ao compañeiro de novo ingreso ao que se lle adebeda un complemento dende a súa incorporación ao posto.
Xubilación parcial
En materia de xubilación parcial, infórmase de que será necesario presentar unha nova solicitude a través do correspondente enlace web, mesmo no caso de que xa se realizase unha solicitude con anterioridade.
Neste momento, a Administración segue analizando como valorar a antigüidade da data de presentación das solicitudes previas. Tampouco existe aínda unha definición clara sobre o procedemento selectivo que se empregará para a contratación do persoal relevista. Informaremos puntualmente a medida que se vaian concretando estes aspectos.
Produtividade
Respecto da produtividade, a intención segue sendo implantar un sistema baseado en obxectivos. Inicialmente agardábase que a súa avaliación e aboamento se realizase dúas veces ao ano, prevéndose unha primeira aplicación no mes de xullo, aínda que esta cuestión continúa sen confirmación definitiva.
As propostas de asignación da produtividade terán carácter anónimo e deberán incluír tanto a contía proposta como a súa correspondente xustificación.
Laboratorios de Estradas
No referente ao plan de laboratorios de estradas, semella haber avances positivos. Segundo a información dispoñible, a implantación do proxecto no Parque de Maquinaria de Perillo podería finalmente ser viable.
Plan SATA
Pola contra, o denominado Plan SATA, orientado á transformación da Administración desde o modelo organizativo actual cara a unha estrutura baseada en funcións, continúa acumulando atrasos.
O que inicialmente se presentou como un proxecto piloto que abranguería seis áreas funcionais, reducirase finalmente a só dúas áreas funcionais, o que evidencia unha perda importante de ambición respecto dos obxectivos inicialmente anunciados.
Seguiremos realizando o seguimento de todas estas cuestións e trasladando puntualmente calquera novidade que se produza.