CONCENTRACIÓNS POLO DEREITO A UNHA XUBILACIÓN DIGNA

Martes, 07 Mai 2024
A CIG vai convocar este vindeiro xoves, 9 de maio, concentracións ante a Delegación e Subdelegacións do Goberno en Galiza, para defender o dereito de todas e todos a unha xubilación digna e polos coeficientes redutores de gardacostas, axentes ambientais, bombeiras/os forestais e persoal sociosanitario.

Nos últimos meses os medios de comunicación veñen publicando informacións sobre xuntanzas no Ministerio de Seguridade Social para facer cambios en materia de pensións sobre a xubilación parcial e os coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación.

Temos que denunciar que estas negociacións se están a dar de forma escurantista e ilegal, no chamado diálogo social, fóra dos organismos oficiais de representación institucional tripartita, sen respectar os dereitos de representación que temos centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG.

Estamos ante unha nova reforma das pensións, cando hai 14 meses da última, na cal se aumentaron a 29 os anos para o cálculo da pensión; unha reforma que se veu sumar á feita no 2011, acelerando todas elas a caída progresiva das pensións que vimos padecendo nos últimos anos, e que vai camiño xa do 25% de perda na contía da pensión a cobrar, por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e do aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos. Trátase dunha baixada das pensións xeneralizada que, no caso das mulleres, afonda máis a fenda de xénero.

Para máis información preme na ligazón: