NEGOCIACIÓN COA DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA DAS RPTS DA FASE I

Mércores, 02 Abr 2025

Despois de acadado un acordo sobre o incremento retributivo no CE, a DX comezou a negociación das relacións de postos de traballo dos órganos incluídos na Fase I da implantación dos Tribunais de Instancia sen unha avaliación de postos no que se reflicta as funcións de cada un e a carga de traballo que cada posto soporta, algo que a CIG lle recriminou á Administración en todas as súas intervencións.


Oficinas de Xustiza nos Municipios (OXM)


Dado que deben estar publicadas antes do 23 de abril de 2025, é o que máis urxencia lle corre á DX, polo que seguramente nuns días nos pase o texto definitivo. A cuestión que a Administración propuxo como negociable é a compatiblidade ou non do persoal de auxilio xudicial.

A CIG, ademais de opornos a esa compatibilidade, manifestou a necesidade de crear agrupacións (ao que contestou que o están estudiando) e a reversión da amortización das prazas que figuraban nos plans de actuación anteriores (caso de Fene, Sada, Burela, Vilanova).

A DX informou que se implantará nestes órganos Minerva antes de Atenea. A preguntas da CIG manifestou que a nova ferramenta de xestión permitirá a tramitación en galego.

Oficinas xerais do Rexistro Civil


Neste caso a Admón. parece debaterse entre compatibilizar ou non os postos (se non se compatilizan esas prazas perderían a garda) e engadir ou non persoal do corpo de auxilio a maiores de un de tramitación e outro de xestión.


Para a CIG o que está claro é que a compatiblidade nestes casos provoca disfuncións (optando pola especialización do persoal) e que un estudio das funcións e cargas de traballo determinaría as necesidades.


Oficina xudicial (OX)


Neste caso a DX non quere apartarse dos modelos de referencia facilitados polo Ministerio, creando nesta Fase I só Servizos Comúns de Tramitación (non Servizos Comúns Xerais) sen equipos.

Este sindicato solicitou que nas vilas con tres ou máis prazas xudiciais si se creen eses Servizos Xerais e se teña en conta especialidades como a existencia de centros penitenciarios ou o horario especial para a presentación de escritos. Tamén que no SCT se especifique que prazas van levar materia de violencia de xénero, cun específico máis elevado.
A CIG está a favor da creación de postos singularizados non só para facilitar a mobilidade senón tamén a promoción profesional a quen non poida cambiar de corpo. Pedimos que o galego sexa requisito para acceder a eles e non perdan o complemento por realización de gardas.