
NON AO ENCHUFISMO NA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA GALEGA

A CIG amosou na reunión mantida este luns 2 de xuño coa Dirección Xeral de Xustiza o seu máis profundo rexeitamento ao borrador de RPTS de Fase III, en tanto configura varias prazas de libre designación.
Á intención do Ministerio de cubrir prazas de letrados/as polo sistema de libre designación, agora se suma a da Dirección Xeral que, no documento trasladado hai uns días, configura a Secretaría de Goberno con todos os postos singularizados, uns para proveer por concurso específico (con valoración de méritos) e outros por libre designación. A RPT desta oficina non só contempla ao actual persoal, senón tamén as prazas das secretarías das Audiencias Provinciais.
Esta proposta obecede á intención do Secretario de Goberno e os/as Letrados/as Coordinadores/as de dispoñer de persoal posto a dedo para traballar ao seu servizo. Hai que recordar que estas persoas, con só un ano nun deses postos, terán dereito a unha praza definitiva na localidade unha vez que cesen, sen ter en conta se lle pertence por antigüidade. Polo tanto esta forma de provisión vai supór abrir a porta do enchufismo e a arbitrariedade á hora de cubrir postos na Administración de Xustiza.
Se por se todo isto non fora abondo, estas prazas en libre designación son case todas novas, a maiores das que existen na Secretaría de Goberno, pero non son de nova creación, senón que se van detraer dos servizos de tramitación, de execución ou de asuntos xerais, para facer labores gubernamentais .
Por todo isto a CIG vaise opor frontalmente á intención da DX; se ate o de agora foi persoal que accedía por concurso xeral o que facía eses labores nas prazas das Secretarías das Audiencias e á Secretaría de Goberno, ou incluso por prolongacións de xornada, aínda pertencendo a outros órganos, non habendo constancia de problemas co desenvolvemento do traballo por parte dese persoal, instamos a que siga a ser así e que non se provea ningunha praza na Administración de xustiza en Galicia polo sistema de libre designación.