NON AO FEUDALISMO, SI A UNHA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA DO SÉCULO XXI
Estes días estamos asistindo (non con sorpresa) ao intento por parte do Poder Xudicial de perpetuar unha serie de prácticas decimonónicas na implantación do novo modelo de organización xudicial. Vendo peligrar o papel que actualmente desempeñan sobre o persoal dos xulgados, xunto co malestar por ser impelidos ao uso dos sistemas de xestión procesual, están a esixir que un funcionario/a sexa destinado a labores de asistencia e apoio directo a cada unha das prazas xudiciais da nova oficina.
A Instrución 1/2025 do 27 de xuño da Secretaría Xeral da Administración de Xustiza para a coordinación da actividade da oficina xudicial cos órganos xudiciais, establece que “a asistencia a xuíces, xuízas, maxistrados e maxistradas prestarase de forma conxunta e coordinada por todos os servizos comúns, áreas, equipos ou grupos funcionais que compoñan a oficina xudicial, e do mesmo xeito, por todo o persoal que teña cometidos asignados en relación cos procedementos que requiran na súa tramitación a intervención xudicial” (4.1).
A mesma Instrución regula que serán os protocolos de actuación os que identifiquen as actividades nas que consistan o apoio directo e a asistencia a xuíces, xuízas, maxistrados e maxistradas, e o que defina o canal de comunicación entre as prazas xudiciais e os servizos comúns. Fundamentalmente, son as relativas ao servizo de garda, a dación de conta, a xeración e tratamento de resolucións, o sinalamento de vistas mediante a axenda programada e as declaracións e vistas. Con respeto á dación de conta establece que se realizará a través das funcionalidades que incorpore o asistente de xestión procesual.
No apartado quinto determinase que “cando a oficina xudicial preste soporte e apoio a cinco ou menos prazas xudiciais, as actividades e tarefas de coordinación serán asumidas por todo o persoal destinado nos correspondentes servizos comúns. Cando asista a 6 ou máis, asignarase, segundo a Instrución, polo menos un posto de persoal funcionario máis outro adicional por cada cinco prazas xudiciais existentes”
Sen embargo, por parte das Presidencias dos TTII estase a exixir unha persoa de apoio por cada praza xudicial, un número moi superior ao establecido pola normativa, sen agardar a comprobar se esa dotación puidera ser suficiente. E tampouco parece que se queira respectar as funcións ás que a Instrución circunscribe ese apoio. Non se pode tolerar que se queira ter persoal á disposición de xuíces, xuízas, maxistrados e maxistradas nin para facer de secretarios/as persoais, nin para imprimir demandas, nin para transcribir sentenzas ou achegalas ao sistema de xestión procesual .Esta reforma debe chegar a todos os niveis desta Administración. Os funcionarios e funcionarias debémonos opoñer a calquera intento de facer de nós uns asistentes persoais.
Tamén nos opoñemos a calquera intento, tanto dende as prazas xudiciais como dende o corpo de letrados/as, de “escoller” discrecionalmente o persoal. Debe priorizarse a voluntariedade dos/as funcionarios/as e a continuidade no posto.
Esta reforma non pode limitarse á supresión de dereitos de mobilidade do funcionariado así como a evitar a creación de prazas e a contratación de persoal interino, senón que ten que supoñer o fin de prácticas propias de séculos pasados que configuran os órganos xudiciais como os seus feudos e o persoal funcionario como o seu vasalo.