Nota da CIG tras a Mesa Xeral 36.1 do EBEP: unha nova farsa negociadora orquestrada por Madrid, con UGT e CSIF como cómplices
Nota da CIG tras a Mesa Xeral 36.1 do EBEP: unha nova farsa negociadora orquestrada por Madrid, con UGT e CSIF como cómplices
A CIG quere denunciar publicamente o que aconteceu na Mesa Xeral 36.1 do EBEP. O que o Ministerio pretende vender como “negociación” non é máis ca unha representación mal feita, deseñada desde Madrid e executada coa colaboración entusiasta de CCOO,UGT e CSIF, sempre dispostos a servir os intereses do Estado antes que defender os dereitos das traballadoras e traballadores.
Lonxe de respectar a pluralidade sindical nin o papel propio da CIG como organización maioritaria en Galiza, o Goberno español volveu demostrar que só concibe a negociación colectiva como un trámite a cubrir para lexitimar acordos xa pechados nos despachos da capital.
Unha vulneración flagrante da negociación colectiva: a democracia sindical madrileña en estado puro
O Ministerio enviou o “acordo” o propio día da Mesa… pero xa o tiveran difundido por WhatsApp días antes. Esa é a consideración que teñen cara á representación galega: ningunha.
E mentres agochaban información á CIG, UGT,CSIF e CCOO participaban en reunións co Goberno, ás que só acceden os sindicatos estatais que viven de reproducir a lóxica centralista. Entre o 5 e o 26 de novembro mantiveron encontros continuados para pechar o documento á marxe da Mesa Xeral.
Todo acordado previamente, todo decidido en Madrid, todo á marxe das organizacións realmente representativas nos territorios. Unha burla, un atropelo legal e un desprezo absoluto á LOLS, ao EBEP e ao persoal público galego.
O acordo salarial 2025-2028: outro pacto para empobrecer ás traballadoras e fortalecer o Estado
O que presentan como un gran pacto é simplemente outra declaración baleira, igual que o Acordo Marco 2022-2024, que só se cumpriu no económico… e aínda por riba recortando dereitos.
O Estado español leva desde 2010 roubándonos máis do 20% do poder adquisitivo ao persoal público. E agora queren facernos crer que un incremento do 2,75% anual,(Media da suba acordada para os catros) que é inferior ao período do anterior acordo onde a suba media foi do 3,16%, vai solucionar algo. Ni sequera cobre o IPC previsto. É pura propaganda .
Un acordo retributivo feito trizas antes de nacer: improvisación, incerteza e irresponsabilidade do Ministerio
O que se viviu na reunión de onte foi a constatación dunha fraxilidade absoluta no acordo retributivo que o Goberno español pretende impor. A propia secretaria de Estado —visiblemente superada pola situación— recoñeceu que o documento podería ir hoxe ao Consello de Ministros para ser aprobado como Real Decreto-lei, unha fórmula de urxencia que evidencia que non existe negociación real nin seguridade xurídica ningunha.
Mais o problema é aínda maior: para que un RD-lei teña validez precisa ser convalidado polo Congreso, e a CIG advertiu de inmediato das dificultades políticas existentes para esa convalidación. En resumo: o Ministerio non sabe se o acordo será legalmente aplicable, pero continúa adiante como se nada pasase, trasladando toda a incerteza ás traballadoras e traballadores, especialmente ao persoal público galego.
E o despropósito non remata aí. O Goberno anunciou que pretende facer o pagamento da suba salarial e dos atrasos de 2025 antes mesmo de que o RD-lei estea convalidado. Unha práctica intolerable e temeraria que só pode saír mal.
Porque a pregunta é evidente —e a CIG formulouna con claridade absoluta—:
Que pasa se nos ingresan os cartos e logo o Congreso NON convalida o Real Decreto-lei?
A resposta da Administración foi tan irresponsable como reveladora:
“Non sabemos.”
Nin previsión, nin garantías, nin planificación. Só improvisación e propaganda política dun Goberno estatal obsesionado por aparentar estabilidade mentres xoga coa situación económica das empregadas e empregados públicos.
E, mentres tanto, UGT e CSIF continúan actuando como comparsa silenciosa, aceptando esta chapuza e lexitimando unha actuación que deixa ao persoal público diante dun precipicio xurídico e financeiro.
Mentres isto acontece, o gasto militar dispara no Estado español moito por riba das subas salariais. Para o Goberno é máis importante a “seguridade” armada que garantir servizos públicos dignos. E UGT e CSIF, sempre disciplinados, sempre obedientes, avalan o discurso oficial coma se fosen departamentos anexos do Ministerio.
A alternativa galega: unha ILP para garantir salarios dignos e deixar de depender dos caprichos de Madrid
A CIG non se resigna a esta dinámica imposta desde o centralismo español. No primeiro trimestre de 2026 presentaremos a nosa PNL no Parlamento Galego para que a Xunta de Galiza inste ao Estado Español a presentar de inmediato unha lei que recolla unha cláusula de garantía salarial automática vinculada ao IPC, para que o persoal público deixe de perder diñeiro ano tras ano.
Se de verdade queren que non sigamos empobrecendo, teñen a proposta feita. Basta con aceptala. Pero, claro, iso significaría ceder soberanía aos propios traballadores, e iso no Estado español sempre custa.
Non imos ser cómplices desta farsa
A CIG deixouno claro: non vai asinar nin avalar un acordo que empobrece outra vez ao persoal público, que se compara desfavorablemente mesmo coas subas das pensións e que non compensa nin unha mínima parte do roubado desde 2010.
Exiximos que todas as preguntas formuladas consten na acta e que a Secretaría de Estado dea resposta formal a cada unha delas.
E denunciamos a actitude de UGT e CSIF, que preferiron ser cómplices da Administración española antes que defender ás persoas que din representar