Nota informativa dos Grupos de Traballo do INe e da Subcomisión e Mesa delegada do Ministerio de Economía
RAGSAINE.
Outro trimestre no que se derivan máis de 8 millóns de euros a empresas externas para que realicen o traballo que deberíamos facer nos, empresas que fan un traballo seguramente máis caro, e que en moitas ocasións temos que revisar ou volver a facer o persoal do INe. Isto por non falar das pésimas condicións laborais das traballadoras e traballadores destas empresas que en moitas ocasións son contratados por ETTs ou pola subcontrata da contrata. Dicimos seguramente máis caro, porque levamos anos pedindo un estudo sobre as diferenzas entre o custo e a calidade das enquisas realizadas por unha empresa externa ou o por persoal do INe e non o queren facer. Por algo será.
A única novidade neste senxo é que xa non ocultan as súas intencións,tampouco existen xa enquisas sagradas. Deixan claro a intención de privatizar paulatinamente e definitivamente Presupostos Familiares P.F., e logo virán o IPC e non creo que tardemos moito en ver o Padrón e o Censo Electoral en mans dunha multinacional .
Desde a CIG manifestamos a nosa frontal oposición a esta salvaxe campaña de privatización do traballo de recollida de datos, que segundo a lei debe esta feito por funcionarios/as, así como a nosa profunda preocupación polo uso que se pode dar por parte destas empresas dos datos tan sensibles que manexan. Sabendo que as empresas que fan a recollida, en moitas ocasións, son subcontratassen relación algunha coa empresa inicial e con persoal sen formación, que cobran por enquisa realizada sen importar a calidade ou o segredoprofesional que o noso traballo require.
As malas novas nunca veñen soas. Toda esta campaña de privatizacións ven acompañada dun notable incremento das cargas de traballo do persoal de recollida de datos do organismo, aumentaron as mostras en varias enquisas, tendo en conta ademais, que como xa dixemos que ademais do noso traballo tamén temos que revisar e refacer o das empresas externas. Se a isto lle sumamos que cada ano perdemos máis de 200 efectivos na recollida e como moito se incorporan 50 ou 60, a análise é ben doada de facer e o futuro tamén e ben previsible. A ver se o adiviñades.
No que respecta á mellora das nosas retribucións, parece que en Función Pública están revisando o expediente de asignación do complemento E1 para o persoal de campo, pero pola información solicitada parece que non o valoran para todos os postos desta modalidade o que podería xerar unha desigualdade retributiva entre postos das mesmas características. Xa veremos en que queda.
Con respecto á produtividade, pese a que se comunica que o Ministerio de Política Territorial tamén conta xa cun sistema de produtividade por obxectivos que chega a todo o persoal, o cadro directivo do noso organismo non ten intención algunha de renunciar os seus cuantiosos privilexios en prol dun reparto máis equitativo. Por iso, desde a CIG insistimos na necesidade de iniciar un conflito laboral que nos permita obrigalos a trocar a súa posición.
Outro dos aspectos nos que incidimos, é sobre a pasividade do INe e dos/as seus directivos/as na protección da saúde do persoal. Desde a CIG reclamamos que se fixeran as medicións de gas Radon nos nosos centros de traballo por primeira vez no ano 2017. A pandemia retrasou este proceso pero pola nosa iniciativa fixeron esas medicións no ano 2022, arroxando pésimos resultados en varias Delegacións Provinciais de Galiza, sobre todo na da Coruña. Pois ben, despois de catro anos e con sucesivas medicións con resultados similares, seguimos á espera dunha solución definitiva para ese asunto. Desde a CIG promovemos, a través do Comité de Empresa, unha denuncia perante a Inspección de Traballo, levamos este asunto a todos os Grupos de traballo do INE e do Ministerio e levaremos a cabo todas aquelas iniciativas que obriguen a nosa empresa a solucionar este asunto xa.
Rematamos coa única boa nova destas reunións. Por fin están iniciando os procesos de contratación necesarios para exercer o noso dereito á xubilación parcial. Comentan que nestas semanas se materializaran as primeiras, e que trataran de axilizar ó máximo o proceso para dar saída ás numerosas solicitudes presentadas
Lembrade que tedes máis información sobre os asuntos que atinxen ó persoal da AXE na nosa nova páxina webhttps://www.cigadmon.gal/estatal e podedes contactar connosco no correo ó pe desta nota.