Novos permisos na AXE

Xoves, 26 Nov 2026

 

O BOE do 25 de novembro publica o Real decreto lei 42/2026, que introduce melloras nos permisos por falecemento, nacemento e coidado de familiares. A súa entrada en vigor será o 26 de novembro, pero hai unha excepción importante, a semana adicional por nacemento non poderá solicitarse ata o 1 de marzo de 2027.

 

Que cambia?

  1. Permiso por falecemento - 10 días para os vínculos máis próximos

A nova redacción do artigo 48 do TREBEP establece:

 

Persoa falecida

Duración do permiso

Cónxuxe ou parella de feito

10 días hábiles

Familiares de primeiro grao de consanguinidade: nais, pais, fillas e fillos

10 días hábiles

Familiares de primeiro grao de afinidade: sogros, sogras, xenros e noras

3 días hábiles, ou 5 se o falecemento se produce noutra localidade

Familiares de segundo grao de consanguinidade ou afinidade: irmáns, irmás, avós, avoas, netos, netas, cuñados e cuñadas

3 días hábiles, ou 5 se o falecemento se produce noutra localidade

 

Os 10 días non se estenden a todos os familiares ata o segundo grao. Ademais, o persoal funcionario poderá elixir cando iniciar o permiso dentro das catro semanas posteriores ao falecemento. Tamén poderá gozalo de forma descontinua, sempre que as necesidades do servizo o permitan. O texto fala de iniciar o permiso nese prazo,  non di que necesariamente deba quedar consumido por completo dentro das catro semanas. 

Unha vez máis a referencia a “necesidades do servizo” condiciona un permiso, algo que dende a CIG rexeitamos xa que esto podese converter nunha negativa automática a fraccionar o permiso. A falta habitual de persoal debe resolverse cubrindo os postos.

  1. Nacemento e adopción: unha semana máis, pero con aplicación diferida

O permiso pasa de 19 a 20 semanas por persoa proxenitora e de 32 a 34 semanas nas familias monoparentais.

A distribución ordinaria queda así:

Período

Dúas persoas proxenitoras: dereito de cada unha

Monoparentalidade

Descanso obrigatorio, inmediatamente despois do feito causante

6 semanas

6 semanas

Semanas distribuíbles dentro dos primeiros doce meses

11 semanas

22 semanas

Semanas distribuíbles ata que a criatura cumpra oito anos

3 semanas

6 semanas

Total

20 semanas

34 semanas

 

A ampliación incorpórase ao último bloque e non significa pasar a vinte semanas obrigatoriamente seguidas despois do parto. A regulación abrangue tamén adopción, guarda con fins de adopción e acollemento, nos termos previstos na norma. 

A disposición transitoria establece dúas condicións para a semana engadida:

  • O feito causante debe producirse desde o 26 de novembro de 2026.
  • O seu gozo e a prestación correspondente poderán solicitarse desde o 1 de marzo de 2027.

Por exemplo, un nacemento o 25 de novembro non xera esta ampliación concreta; un nacemento o 26 de novembro, si, pero a semana adicional deberá solicitarse a partir de marzo. Esta espera afecta á ampliación, non ao conxunto do permiso xa recoñecido. 

Para o gozo interrompido esíxense semanas completas e un preaviso mínimo de quince días. Nos supostos regulados de coincidencia das dúas persoas proxenitoras na mesma unidade, un eventual aprazamento das semanas de coidado ata os oito anos debe xustificarse por escrito e ofrecer previamente unha alternativa máis flexible. 

  1. Coidados paliativos - recoñécese expresamente a redución, pero con perda salarial

O artigo 48.h incorpora expresamente os coidados paliativos á redución de xornada para atender o cónxuxe, a parella de feito ou familiares comprendidos no precepto.

Esta redución leva a correspondente diminución das retribucións. Non crea un permiso retribuído durante todo o tempo que duren os coidados paliativos.

Debe distinguirse doutra medida que continúa no artigo 48.i,  a redución de ata o 50 % da xornada, retribuída e por un máximo dun mes, para atender un familiar de primeiro grao por enfermidade moi grave. Son dereitos diferentes, con requisitos diferentes. 

A mellora recoñece unha necesidade real, pero deixa un problema social sen resolver: reducir o salario pode impedir que unha persoa con ingresos baixos exerza ese dereito.

  1. Acompañamento nun proceso de eutanasia

Introdúcese un permiso para o día en que se practique ou autoadministre a prestación de axuda para morrer, sempre que a persoa funcionaria fose designada para acompañar a quen a recibe.

O precepto non esixe parentesco. Tampouco é un permiso xeral para todos os trámites previos: abrangue o día concreto da prestación. 

  1. Coidado de fillas ou fillos con cancro ou outra enfermidade grave

A nova redacción do artigo 49 recolle expresamente a monoparentalidade e contempla situacións de coidado especialmente intenso:

  • Posibilidade excepcional de prolongar a redución máis alá dos límites de idade previstos cando exista gran discapacidade ou dependencia de grao III, persistan os coidados acreditados e se manteña a convivencia.
  • Nestes supostos, posibilidade de compartir simultaneamente a redución entre as dúas persoas titulares, ata un máximo conxunto do 100 %. Non é un 100 % para cada unha.
  • Posibilidade de recoñecer o permiso ás dúas persoas proxenitoras cando cada unha atenda unha persoa distinta da unidade familiar que reúna os requisitos.

Trátase do réxime de redución con retribucións íntegras do persoal funcionario, sometido ás condicións e incompatibilidades do artigo. Non debe confundirse coa redución ordinaria por coidados familiares.

Como CIG temos que decir que quedan carencias importantes sen resolver como é  a redución ordinaria por coidados paliativos implica perda salarial e as oito semanas do permiso parental continúan sen retribución.