O fracaso dun goberno “progresista” que negocia ás costas do persoal público
O fracaso dun goberno “progresista” que negocia ás costas do persoal público
Resulta cada vez máis difícil chamar “progresista” a un goberno que vulnera de xeito tan flagrante o dereito á negociación colectiva. O artigo 34.1 do Estatuto Básico do Empregado Público é meridianamente claro: as condicións de traballo do persoal ao servizo das administracións deben negociarse nas mesas correspondentes, coa participación das organizacións sindicais representativas.
Pois ben, o Ministro de Transformación Dixital e Función Pública decidiu volver actuar pola porta de atrás, filtrando aos medios propostas que di “negociadas” con sindicatos dispostos a avalalas, sen respectar os espazos formais de diálogo nin o principio básico da negociación colectiva.
Este xeito de actuar non é só unha irregularidade: é unha falta de respecto ás traballadoras e traballadores públicos, aos seus representantes lexítimos e á propia idea dunha Administración democrática. Non se pode construír unha Administración do século XXI con prácticas do século XIX.
O chamado “Acordo Marco para unha Administración do Século XXI” naceu envolto en propaganda, pero cunha vontade de cambio nula. Presentouse como un pacto histórico para modernizar o emprego público, mais quedou en papel mollado. A realidade é teimuda:
-
Non se garantiu a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos.
-
As melloras prometidas nas condicións de traballo, estabilización e carreira profesional foron incumpridas ou quedaron eternamente atrapadas en grupos de traballo sen avances reais.
-
A negociación real foi substituída pola imposición, a improvisación política e os anuncios á prensa.
Mentres tanto, nas oficinas, nos servizos e nos centros de traballo, o persoal público soporta cargas crecientes, salarios insuficientes e unha falta total de recoñecemento. A consecuencia é evidente: o fracaso absoluto do Acordo Marco e a perda de credibilidade dun goberno que se di progresista, pero que practica o autoritarismo e o desprezo pola pluralidade sindical.
O persoal público non precisa máis titulares nin xestos de marketing. O que precisa é respecto, negociación real e un cambio de rumbo que devolva dignidade e xustiza ao traballo na Administración.