O Goberno destina 2,2 millóns de euros ao persoal que participe no plan de choque de regularización
O Consello de Ministros deste 21 de xullo autorizou unha transferencia de crédito ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións por importe de 2.220.750 euros, destinada a financiar as gratificacións por servizos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral como consecuencia do Plan de choque para o proceso de regularización extraordinaria de persoas estranxeiras.
Desde a CIG consideramos necesario compensar adecuadamente todo o traballo extraordinario, mais advertimos de que esta medida non pode servir para ocultar a falta estrutural de persoal nin os erros de planificación da Administración. A resposta non pode depender sistematicamente da prolongación da xornada e do sobreesforzo voluntario dos cadros de persoal.
A CIG esixirá información detallada sobre a distribución destes fondos e criterios públicos, obxectivos e transparentes para participar no plan e percibir as gratificacións, garantindo a igualdade de oportunidades entre todo o persoal afectado.