O IPC chega ao 4,9 % en setembro e deixa un mes máis en evidencia o acordo salarial de CCOO, UGT e CSIF
O indicador adiantado do IPC sitúa a inflación interanual de setembro no 4,9 %, seis décimas máis que en agosto e na taxa máis elevada dos últimos tres anos. Outro mes máis, o custo da vida sobe e os salarios do persoal das administracións públicas quedan atrás.Fronte a este incremento dos prezos, o persoal público só percibiu en 2026 unha suba salarial fixa do 1,5 %, consecuencia do Acordo Marco 2025-2028 asinado polo Goberno, CSIF, UGT e CCOO. Mesmo incorporando o 0,5 % adicional condicionado, que non se cobraría até o primeiro trimestre de 2027, a suba máxima correspondente a 2026 quedaría no 2 %. Tomando como referencia o IPC interanual de setembro, a diferenza alcanza os 3,4 puntos respecto da suba efectiva e os 2,9 puntos incluso no mellor dos supostos. A conta é tan sinxela, IPC: 4,9 %. Suba salarial efectiva: 1,5 %. Resultado = máis perda de poder adquisitivo. Unha comisión para seguir un acordo que empobrece Precisamente hoxe, 29 de setembro, reúnese a Comisión de Seguimento do Acordo Marco,formada polo Goberno e polas organizacións sindicais asinantes. CSIF, UGT e CCOO sentarán novamente co Goberno para representar a escenificación do chamado diálogo social, mentres os datos confirman que o acordo que asinaron non protexe os salarios nin garante o mantemento do poder adquisitivo. CCOO, UGT e CSIF coñecían esta limitación cando asinaron o acordo. Sabían que non incluía unha garantía vinculada ao IPC real e, aínda así, vendérono como unha recuperación salarial. Agora poden facer comunicados, expresar preocupación ou afirmar que “vixían” o cumprimento. Mais non poden ocultar que asinaron unha perda salarial previsíbel e contribuíron a desactivar unha resposta sindical firme fronte ao Goberno.