O IPC dispárase ao 3,5 % en xullo e amosa o fracaso do acordo salarial de CCOO, UGT e CSIF, que a CIG NON asinou

Xoves, 30 Xul 2026

O IPC de xullo sitúa a inflación no 3,5 %, o nivel máis alto desde maio de 2024. Mentres o custo da vida continúa aumentando, o persoal empregado público segue atrapado nun acordo retributivo insuficiente que CCOO, UGT e CSIF asinaron co voto en contra da CIG e que presentaron como un gran avance.

O chamado Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2025-2028) consolidou un modelo de incrementos salariais que, unha vez máis, queda por detrás da evolución real dos prezos. Cada décima que sobe o IPC tradúcese nunha nova perda de poder adquisitivo para miles de empregadas e empregados públicos.

O máis grave é que as organizacións asinantes (CSIF, UGT e CCOO) continúan intentando vender como éxitos uns acordos que a propia realidade desminte e que agora actúan como escudo do Goberno.

Os sindicatos asinantes teñen agora dúas opcións, ou seguir facendo de portavoces do Goberno, ou defender realmente os intereses do persoal empregado público esixindo unha revisión inmediata do acordo, cláusulas de garantía salarial vinculadas ao IPC como esixÍa a CIG.

A CIG xa advertiu cando se asinou aquel acordo que estaba lonxe de garantir a recuperación do poder adquisitivo perdido durante os últimos anos, e o tempo volve darnos a razón.