O macroconcurso da Seguridade Social evidencia as desigualdades retributivas na AGE, 464 persoas deixan outros organismos

Venres, 16 Out 2026

A resolución do macroconcurso da Seguridade Social deixa un dato significativo, 464 persoas con posto de cesamento noutros ministerios e organismos obteñen destino na Administración da Seguridade Social.

Para a CIG, estas cifras poñen de manifesto a necesidade de afrontar as desigualdades nas condicións de traballo dentro da Administración Xeral do Estado. A Administración non pode seguir mantendo fendas retributivas entre postos con funcións e responsabilidades equivalentes e despois sorprenderse de que o persoal procure destinos con mellores condicións.

O concurso non permite coñecer a motivación individual de cada traslado, a conciliación, a proximidade ao domicilio ou as expectativas profesionais tamén inflúen. Pero iso non pode servir de escusa para eludir un problema de fondo, que é que as asimetrías retributivas condicionan a mobilidade e dificultan que os organismos con peores condicións manteñan os seus cadros de persoal.

As diferenzas nos complementos e na produtividade deben responder a criterios obxectivos, transparentes e xustificados. O ministerio ou organismo de destino non pode converterse nun factor de desigualdade salarial para quen desenvolve funcións equivalentes.

No caso da DXT e do SEPE, a saída de 50 e 45 persoas, respectivamente, require unha resposta concreta. Se as vacantes non se cobren, o traballo recaerá sobre o persoal que permanece, coa conseguinte presión sobre a atención á cidadanía. A experiencia acumulada tampouco se substitúe dun día para outro.

A CIG defende o dereito de todas as persoas a concursar e mellorar as súas condicións. Rexeitamos que estas saídas se utilicen para xustificar bloqueos á mobilidade ou para responsabilizar o persoal dos problemas de cobertura.

 

Cubrir postos na Seguridade Social é necesario, pero trasladar persoal entre organismos non incrementa por si mesmo os efectivos do conxunto da Administración. Sen planificación e incorporacións suficientes, as carencias poden simplemente cambiar de lugar.

Por iso, desde a CIG esiximos,

● Unha negociación para corrixir as desigualdades retributivas na AGE, cun calendario e financiamento para equiparar postos con funcións e responsabilidades equivalentes.

● Melloras salariais estruturais nos organismos con peores condicións, mediante retribucións estables e criterios obxectivos

. ● A cobertura efectiva das vacantes xeradas, anticipando as saídas e garantindo a transmisión de coñecementos.

● Transparencia sobre os cadros de persoal, as vacantes e as cargas de traballo, para avaliar o impacto real deste concurso.

● Plenas garantías para o dereito á mobilidade, sen penalizar a quen procura un destino mellor.

A Administración debe deixar de esixir ao persoal que compense co seu esforzo a falta de planificación e as desigualdades que ela mesma mantén.

Para manter persoal hai que ofrecer condicións dignas. Equiparación salarial, emprego público suficiente e dereito á mobilidade!