O MINISTERIO CASTÍGANOS ELIMINANDO O TELETRABALLO E A XUNTA EXECUTA

Ante esta situación, a CIG solicita unha reunión urxente tanto co Ministerio como coa Dirección Xeral
Luns, 30 Out 2023

O equipo ministerial anda cabreado co persoal de Xustiza pola problemática social dos últimos tempos e decide castigarnos. Só así se entende que un venres a última hora saque unha circular dicindo que non se pode seguir teletraballando cando no mesmo documento sinala que as medidas polo covid que incluían esa modalidade de traballo a distancia non son de aplicación dende o 5 de xullo. É dicir, non se podía teletraballar dende xullo e facían a vista gorda. Por que deciden daquela suprimilo da noite para a mañá e non siguen con el ata que aproben a súa regulamentación? Por que hai só uns días na Conferencia sectorial comentouse que se ía manter o teletraballo ? Por que se a Administración Xeral do Estado e as CCAA teñen regulado o traballo a distancia para o seu persoal o Ministerio non foi quen de facelo a día de hoxe?

Ao parecer á Dirección Xeral esta decisión pillounos “a velas vir” e limitáronse a copiar, pegar e traducir a circular do Ministerio. Outras comunidades, como a de Valencia, que si tiña unha instrución sobre o traballo non presencial, continúan con el. Pero Galiza tampouco ten unha instrución propia ao respeto. Ben puido dicir que se nos aplicara a resolución autonómica, pero optou por executar as directrices ministeriais.

Ante esta situación, a CIG solicita unha reunión urxente tanto co Ministerio como coa Dirección Xeral para abordar este importante asunto, así como que se diten unhas instrucións que posibiliten provisionalmente á xente que viña teletraballando a seguilo facendo mentres non se publique a normativa que o regule.

Se queres acceder aos escritos presentados podes facelo premendo nas ligazóns:

Escrito presentado na Xunta

Escrito presentado no Ministerio