O Parlamento galego rexeita a Cláusula de Garantía Salarial para o persoal empregado público

Os votos en contra de PP e PSOE impediron aprobar a solicitude ao goberno do estado para instaurar por lei unha medida que impida a perda de poder adquisitivo do persoal a servizo das administracións públicas
Mércores, 11 Mar 2026

O Pleno do Parlamento de Galiza rexeitou na mañá do 10 de marzo a Proposición Non de Lei promovida pola CIG - Administración Pública que procuraba a creación por lei dunha Cláusula de Garantía Salarial para que os salarios públicos sexan revisados anualmente conforme ao incremento do IPC real. Os grupos parlamentares do Partido Popular e Partido Socialista de Galiza votaron en contra de solicitar ao goberno estatal a creación desta medida que permitiría frear a perda de poder adquisitivo que veñen sufrindo as traballadoras e traballadores das administracións públicos nas últimas décadas.

A proposta de Proposición Non de Lei (PNL) foi rexistrada co apoio de máis de 5.500 sinaturas de traballadores do sector público baixo o actual contexto de empobrecemento constante dos soldos na administración pública, que dende 2010 acumulan unha perda de capacidade adquisitiva que xa supera o 20%. Os acordos de actualización salarial asinados en Madrid pola administración estatal co apoio de UGT, CCOO e CSIF afondan aínda máis neste empobrecemento. É evidente que a actualización do 2,5% para 2025 quedou moi por debaixo da suba do IPC no mesmo ano, que foi do 2,9%.

A situación é aínda máis preocupante para o 2026 no contexto bélico que se nos presenta e no que é máis que evidente que o IPC estará moi por enriba do 2% de aumento salarial que as centras sindicais españolas acordaron en Madrid. Este "acordo a perdas" foi xa denunciado polos sindicatos CIG e ELA por vulnerar o dereito sindical á negociación, xa que foi asinado nos despachos do goberno en lugar de na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, demostrando a falta de respecto polas traballadoras e traballadores e a súa representación sindical con dereito a negociar nesa Mesa.

Por todo isto, fica máis que claro que o establecemento dunha Cláusula de Garantía Salarial, vinculada ao IPC real e blindada por lei, debe constituír a base mínima sobre a que artellar futuros acordos salariais, co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo perdido, e que as actualizacións salariais froito da negociación colectiva sexan subas reais e non fume que vender en notas de prensa.

 

  • Cláusula de Garantía Salarial
  • Parlamento de Galiza
  • Salarios