O sector da Administración Xeral do Estado reelixe por unanimidade a Xosé Manuel Gil como Secretario Nacional

A IX Asemblea de afiliadas e afiliados do sector renovou tamén ás representantes na súa Dirección e Executiva Nacionais
Domingo, 22 Feb 2026

A IX Asemblea do sector da Administración Xeral do Estado, como parte da CIG Administración Pública celebrada o sábado 21 de febreiro en Compostela reelixiu a Xosé Manuel Gil Ramos como secretario nacional do sector por unanimidade entre as afiliadas e afiliados participantes. No proceso, ao que concorreu unha candidatura única para todos os órganos a renovar, tamén se escolleu a nova Executiva e Dirección Nacionais, escollidas tamén co voto unánime a favor da mesma.

A Executiva Federal quedou composta por:

  • Xosé Manuel Gil Ramos (Secretario Nacional do Sector)
  • Ana López Bogo
  • Antonio Otero Rodríguez
  • Beatriz González Freire

Súmanse ás catro integrantes da Executiva Federal como parte da Dirección Nacional:

  • José Antonio Baliño Vázquez
  • Verónica Vázquez El Laffa
  • Xurxo Ánxel Vázquez Regal
  • Lorena García Oliveira
  • Iván Roca Cruz
  • Jesús Fernández Salgado
  • Daniel Valladares Otero

Como representante do sector na Dirección Nacional da CIG Administración Pública escolleuse tamén por unanimidade a Carlos García Seoane.

 

Reflexión, aprendizaxe e azos para un novo tempo

A Asemblea apoiou, tamén de xeito unánime, o informe de xestión da executiva saínte, no que se destacou o enorme aprendizaxe que teñen suposto os últimos catro anos para o sector, nun escenario de grave parálise politica e de deterioro das condicións laborais. Destacouse o labor e o enorme capital humano e sindical dos compañeiros/as que acadaron a súa idade de xubilación neste período ou que están a piques de acadalo, recoñecendo a súa traxectoria e a necesidade de transmitir esa sabedoría e bo facer ás novas xeracións. “Esta nova etapa debe servir para reforzar algo clave: apoiar ás novas incorporacións, transmitir todo o coñecemento e experiencia, e construír equipos máis amplos, para que a CIG siga sendo unha ferramenta útil, forte e presente nos centros de traballo. A CIG debe continuar a reforzar a participación e impulsar propostas claras para acadar máis dereitos, máis negociación real, máis medios e máis dignidade para o persoal dos servizos públicos”.

 

  • Administración Xeral do Estado
  • AXE