Oito anos de Sánchez con promesas incumpridas, dereitos pendentes e sindicalismo estatal de acompañamento
A CIG denuncia a responsabilidade do Goberno no deterioro das condicións do persoal público e a complicidade de CCOO, UGT e CSIF ao avalar acordos insuficientes e presentar como grandes conquistas medidas que non resolven as reivindicacións de fondo
Desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno, en xuño de 2018, transcorreron máis de oito anos e dúas lexislaturas, que é tempo suficiente para avaliar resultados e esixir responsabilidades. Entrar no cuarto ano desta última lexislatura sen aprobar novos orzamentos xerais do Estado evidencia a incapacidade do Goberno para dar unha resposta á altura das necesidades dos servizos públicos. Non se pode pretender recuperar dereitos, reforzar os cadros de persoal e mellorar a atención á cidadanía mantendo indefinidamente unhas contas prorrogadas
Para a CIG, o balance na Administración pública está moi lonxe do discurso de recuperación de dereitos, os avances acadados non compensan as perdas acumuladas nin resolven os problemas estruturais do emprego público.
Salarios - Asinar incrementos non equivale a recuperar o poder adquisitivo
O Acordo Marco para unha Administración do século XXI, asinado en outubro de 2022 por CCOO e UGT, estableceu incrementos para 2022–2024, cunha parte condicionada a indicadores económicos. Non incorporou unha cláusula que garantise o mantemento do poder adquisitivo nin un mecanismo para recuperar toda a perda salarial anterior.
O acordo de novembro de 2025, asinado inicialmente por UGT e CSIF e ao que posteriormente se adheriu CCOO, volveu establecer unha senda plurianual para 2025–2028, que a día de hoxe quedou en evidencia ao quedar as subas recollidas no acordo moi por debaixo do IPC.
Presentar estes acordos como unha recuperación salarial coa connivencia dos sindicatos estatais é un engano as traballadoras e traballadores da administración pública.
A CIG reclamou o longo deste periodo unha cláusula de revisión salarial que garantira o poder adquisitivo, a recuperación das perdas acumuladas e o cobramento íntegro das pagas extraordinarias. As necesidades do persoal non se resolven con porcentaxes anunciadas a varios anos vista nin con balances triunfalistas.
Emprego público - Ofertas insuficientes, cadros insuficientes e servizos externalizados
Anunciar prazas non resolve por si só as vacantes, a sobrecarga de traballo nin as dificultades de cobertura. O déficit estrutural dos cadros de persoal require unha planificación que vaia máis alá de substituír as baixas. Cómpre cubrir as vacantes existentes, eliminar a taxa de reposición e crear os postos necesarios para prestar unha atención suficiente e de calidade.
A falta de persoal agrávase polo envellecemento dos cadros, cunha parte importante das traballadoras e traballadores próxima á xubilación. Esta realidade esixe anticipar a remuda xeracional e garantir a transmisión de coñecementos. Agardar a que os postos queden baleiros para iniciar a súa cobertura prolonga a sobrecarga e deteriora a atención pública. Ao mesmo tempo, continúa a externalización de servizos.
A falta de efectivos non pode utilizarse como xustificación para entregar a empresas privadas tarefas que deben prestarse con persoal público. Esta práctica aumenta a dependencia das contratas, debilita a capacidade propia da Administración e favorece a precarización das condicións laborais.
A CIG esixiu dimensionar os cadros conforme ás necesidades reais, eliminar a taxa de reposición, axilizar os procesos selectivos, garantir unha promoción interna real e recuperar a xestión directa dos servizos externalizados. A modernización administrativa precisa persoal suficiente, formación e medios: a dixitalización non pode servir para encubrir a falta de efectivos nin para trasladar máis cargas ao persoal e á cidadanía.
Temporalidade - A responsabilidade do abuso corresponde á Administración
En xullo de 2021, CCOO, UGT e CSIF avalaron o acordo para reducir a temporalidade que precedeu ao Real decreto lei 14/2021. A posterior Lei 20/2021 desenvolveu o proceso de estabilización. A existencia destas medidas non elimina a responsabilidade das administracións que mantiveron durante anos necesidades permanentes cubertas con emprego temporal.
A estabilización debe acompañarse dunha política de persoal que evite volver á mesma situación. Sen cobertura estable das necesidades e sen responsabilidades pola utilización abusiva da temporalidade, o problema pode reproducirse.
Procesos selectivos - Desesperantes pola súa lentitude
Os procesos selectivos seguen sendo lentos, excesivamente longos e obsoletos, con procedementos que demoran a incorporación do persoal e prolongan a cobertura das vacantes. Entre o anuncio das prazas e a incorporación efectiva poden transcorrer anos, mentres os centros continúan sen efectivos suficientes e o persoal soporta a sobrecarga de traballo. Non abonda con anunciar ofertas de emprego se a súa execución queda atrapada en procesos interminábeis.
A CIG esixiu unha revisión profunda dos sistemas de selección, con prazos máximos de resolución, medios suficientes para os órganos selectivos e probas vinculadas ás funcións reais dos postos, garantindo a igualdade, o mérito e a capacidade. A axilidade na cobertura das prazas e unha promoción interna accesíbel e efectiva deben ser prioridades.
35 horas - Oito anos de demora e garantías aínda pendentes
A resolución de abril de 2026 fixou a xornada xeral da Administración do Estado en 35 horas semanais de media en cómputo anual. A medida responde a unha reivindicación sostida do persoal, pero chega despois de anos de demora e mediante unha resolución administrativa, sen estar recollida no EBEP que garanta o seu dereito.
CCOO, UGT e CSIF tamén deben responder polo que avalan
A responsabilidade principal corresponde ao Goberno, que decide e executa as políticas públicas, mais os sindicatos que asinan e publicitan os seus acordos tamén teñen que explicar os resultados, as insuficiencias e os compromisos que seguen pendentes.
A crítica da CIG diríxese ao modelo de concertación que comparten, aceptar acordos insuficientes, presentalos como históricos e volver reclamar despois aquilo que non conseguiron garantir coa súa sinatura.
Resulta contraditorio celebrar un acordo como unha gran conquista e reclamar posteriormente a recuperación salarial ou os dereitos que ese mesmo acordo deixou fóra. Para a CIG, esta práctica constitúe unha complicidade sindical coa política do Goberno, contribúe a lexitimar accións de goberno e debilita a presión necesaria para obter melloras. A negociación colectiva cando a sinatura se converte nun fin en si mesmo e os incumprimentos non teñen unha resposta sostida.
A CIG seguirá denunciando esta connivencia e defendendo un sindicalismo que organice o persoal na loita para recuperar salarios, dereitos e servizos públicos. Oito anos despois, o Goberno e os sindicatos que avalanron os seus acordos deben responder polo fracaso dos resultados.