Para termos unha posición de forza diante da Dirección da AEAT cómpre paralizar a actividade da AEAT desde a unidade sindical

Luns, 08 Xun 2026

A Dirección da AEAT leva tempo véndose nunha posición de forza, xogando a dividir a representación sindical do persoal da Axencia Tributaria e xogando a impoñer o seu criterio a cada momentoforzando a aceptar o estancamento en dereitos e retribucións como situación menos mala diante dos retrocesos que propón.

Neste sentido, na CIG consideramos– e así vimos advertindo hai tempo- que resulta inadmisíbel a perda de poder adquisitivo experimentada polo persoal da AEAT nos últimos lustros e retroceder en dereitos laborais xa conquistados. Só construíndo unha posición de forza da representación das traballadoras fronte a posición retrógrada e involucionista da Dirección da AEAT se pode garantir isto.

é precisamente o que propuxemos nas últimas semanas ás restantes organizacións sociaisofrecer unha posición de unidade sindical fronte á Dirección da AEAT en base a unha táboa reivindicativa de mínimos que poida ser asumida por toda a parte social. E fixemos chegar unha primeira proposta para construír esta táboa para ofrecer unha fronte común, sen fisuras, diante da Dirección da AEAT.

Partindo desta posición de unidade, desde a CIG propuxemos forzar o cambio de tornas e que a posición de forza pasara a ser a da representación sindical. Ao noso xuízo, e así o trasladamos ás restantes organizacións sindicais, isto pasaba por forzar a paralización da campaña presencial da renda durante dúas horas na franxa de mañá. Unha acción visible, con impacto mediático claro, e deseñada ademais para que o persoal que participa na campaña de renda non sufra perdas retributivas netas: as citas non atendidas pola mañá habería que recolocalas en horario de tarde (un horario mellor pagado) de xeito que o que se perde por un lado se recupera con creces polo outro.

Para que o resultado fose global e tivese un impacto directo diante da opinión pública, propuxemos demorar comprobando concienzudamente as devolucións de IVE e Renda e conseguir reducir sensibelmente a actividade do Departamento de Informática Tributaria (DIT) e de Recadación, Inspección e Aduanas. Para o éxito de todas estas medidas, obviamente, sería preciso o concurso de toda a parte social, pois evidentemente a influencia que poida ter a CIG fóra de Galiza é nula.

É unha especie de guerra de guerrillas, dando onde máis doe: a percepción da AEAT diante da sociedade. Todas estas cuestións terían un traslado inmediato cara a sociedade, e un impacto directo na cidadanía e forzarían ao goberno a exixir da Dirección da AEAT unha solución inmediata, obrigándoa a sentar e buscar- desta vez si- un acordo coa parte social. A posición de forza, a causa do escándalo mediático e o bochorno público para a Dirección da AEAT, sería para a parte social.

As demais organizacións sindicais declinaron sequera valorar a cuestión, mantendo a división da parte social que tan bo rédito está a dar á Dirección da AEAT, que até se permite o luxo de escoller con que organizacións senta a negociar e a cales nos exclúe. Pedir unha reunión co ministro, facer algo para setembro, seguir con convocatorias unilaterais… a Dirección da AEAT bate palmas coas orellas!

Na CIG mantemos a man tendida. Estamos convencidas de que só unha representación social unida pode obrigar á Dirección da AEAT a buscar un acordo. Pero non imos agardar indefinidamente. Se a unidade non chega, a CIG actuará soa se é preciso, porque o empobrecemento do persoal da AEAT non admite máis demoras. O tempo das mesas interminábeis das que nada bo sae rematou.
A loita é o único camiño!