PAS 2026: a AEAT insiste nun plan insuficiente e sen melloras reais

Xoves, 12 Feb 2026

Na reunión da Mesa de Acción Social, a Administración presentou o borrador do Plan de Acción Social 2026, e desde a CIG trasladamos unha valoración clara: non hai avances reais respecto ao PAS 2025 e mantense un modelo que segue sen responder ás necesidades do persoal.

A proposta da AEAT mantén un orzamento conxelado e insuficiente, sen ter en conta nin a inflación nin o aumento real dos custos en educación, saúde e coidados. Isto supón na práctica unha perda progresiva da eficacia das axudas sociais, especialmente para o persoal con menos ingresos.

O que defendemos desde a CIG na mesa:
  • É imprescindible aumentar o crédito do Plan de Acción Social, porque o actual cada ano chega a menos persoas.
  • Non aceptaremos recortes nin rebaixas na axuda de desenvolvemento educativo, unha das máis importantes para as familias.
  • promoción interna non debe financiarse con Acción Social, senón a través de formación e dunha Academia da AEAT aberta a todo o persoal, liberando fondos para axudas sociais reais.
Xa o ano pasado advertimos que, sen cambios estruturais, o PAS seguiría perdendo capacidade de resposta. O borrador presentado confirma que a Administración non incorporou as críticas nin as propostas trasladadas pola parte sindical.

A Administración fixou prazo ata o próximo luns para presentar propostas. A negociación continúa, pero desde a CIG deixamos claro que non imos avalar un Plan de Acción Social insuficiente, continuista e alleo á realidade do persoal.

Para a semana haberá unha nova xuntanza para valorar as propostas das organizacións sindicais. Se tendes algunha suxestión estaremos encantadas de trasladala.