Plan de choque extraordinario pola regularización
Se ben as organizacións sindicais fomos informadas da inminente posta en marcha, a Administración
deixou claro que esta cuestión non é obxecto de negociación: o organismo vai recibir unha partida
económica destinada en exclusiva a pagar o previsto aumento da carga de traballo derivada da
regularización de estranxeirxs, partida que, insisten, vai ser minuciosamente auditada polo que é
preciso ser moi escrupuloso na súa xustificación (din).
Nun primeiro momento a CIG xa manifestou serias dúbidas ao respecto dunha proposta na que se
intuía a convivencia indiscriminada de pago de horas extraordinarias a 12 e a 25 euros e non se
aclaraba nin qué aumento de demanda de cita ía ser preciso para poñer en marcha o Plan nin qué
persoal ía beneficiarse.
A publicación da Resolución da Subdirección General de Logística e Innovación, confirma o
trato discriminatorio da súa aplicación ao deixar fóra a parte do persoal e está a xenerar un máis
que comprensible malestar polo que a CIG xa remitiu á DXP e ao Ministerio queixa por estes
feitos e reclama a urxente corrección.
A propia DXP non dispón de datos para saber cando nin qué dependencias van notar antes a presión de cita e, polo tanto, comezar a aplicar o Plan de choque, e informan que o Plan será de aplicación a
todas as dependencias que o soliciten sempre que teñan nas funcións a expedición de TIEs,
autorizando ás unidades a abrir e reconverter postos de expedición de DNI en TIEs para dar resposta
á previsible aumento de demanda.
No informe habitual sobre ocupación a porcentaxe de postos ocupados segue diminuíndo e, no
ámbito dos servizos periféricos están vacantes xa máis do 50%!! dos postos. Preguntamos qué
medidas están tomando a respecto, pero máis alá da petición de prazas de OEP pouco hai que facer
que dependa da propia DX ou do Ministerio; e así teñen como horizonte a cobertura do 80% de postos
a conta de oferta de emprego libre (pedíronse perto de mil prazas) e, en tanto non se celebran os
procesos selectivos, solicitouse a contratación de 400 interinos. Como se encargan de recordar
desde a propia administración: unha cousa é o que se pide, e outra o que se concede. Pero non pasa
nada, que para iso se dispón do corpo do CNP no organismo que solidariamente se presta polo ben
común a mudar as súas funcións de policía para sentar nunha oficina e expedir DNIs e pasaportes, o
que, de paso, nos devolve á actualidade en pleno século XXI, a ter que recuperar a tradicional
reivindicación sindical de “a igual traballo, igual salario”.
Por outra banda o informe de ocupación provisional (comisións de servizo) achega que hai un 20%
de postos temporais. Os números son inaceptables para ningún organismo público. Intervimos para
reclamar que se traballe na súa diminución e se convoquen as prazas en concursos de traslados.
A Resolución do concurso xeral publicarase no BOE antes do martes 14 de xullo. A maiores queren
que se publique a convocatoria do concurso específico -96 postos- a final de mes. Está pendente de
decidir pero é posible que non se inhabilite agosto a efectos de prazos para axilizar a tramitación!
Estade atentxs se pensades participar.
Outro tema recorrente da DXP: a reclamación de que os postos do catálogo con dobre adscrición
sexan ofertados en concurso para o persoal AXE e ao que o CNP se resiste. Informa a Admón
dunha proposta de modificación dos complementos específicos de postos A2/C1 que melloraría a
oferta interna de postos para o persoal civil, proposta que debe ser aprobada por Función Pública a
quen se elevaría ao longo deste ano. Estase dando o paradoxo de persoal que aproba a promoción
interna e remata no novo posto cun específico menor que persoal de novo ingreso; esta modificación
da RPT daría solución a isto.
Mantéñense as queixas polos continuos fallos informáticos. Informan de que no 2027 a
organización usará unha nova plataforma coa que agardan minimizar as faltas de conexión e erros
técnicos.