Polo dereito de todas e todos a unha xubilación digna

A CIG Administración convoca 4 concentracións contra as negociacións oscurantistas que esta mantendo o goberno español con CCOO e UXT para unha nova reforma das pensións
Martes, 07 Mai 2024

 

Nos últimos meses os medios de comunicación veñen publicando informacións sobre reunións entre o Ministerio de Seguridade Social, a patronal, CCOO e UGT para facer cambios en materia de pensións sobre xubilación parcial e coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación.

Temos que denunciar que estas negociacións se están a dar de forma escurantista e ilegal, no chamado diálogo social, fora dos organismos oficiais de representación institucional tripartita, sen respectar os dereitos de representación que temos Centrais Sindicais máis representativas e maioritarias, como somos a CIG.

Estamos ante unha nova reforma das pensións cando hai 14 meses da última, na que se aumentou aos 29 anos os anos para o cálculo da pensión. Reforma que se veu sumar á feita no 2011, acelerando todas elas a caída progresiva da contía das pensións que vimos padecendo nos últimos anos, e que vai camiño xa do 25% de perda na contía da pensión a cobrar, por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e do aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos. Caída das pensións xeneralizada que no caso das mulleres afonda máis a fenda de xénero.

Por riba, coas sucesivas reformas laborais, que estenden cada vez máis a precariedade, e os permanentes cambios nas normas que penalizan a xubilación anticipada, fan máis graves as discriminacións para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse aos 61 anos.

Ademais, sufrimos permanentes atrancos para o recoñecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade. Estamos a falar de moitos sectores de actividade e postos de traballo como son os do mar, servizo de gardacostas, transporte, construción, pedra e canteiras, coidados, dependencia, sociosanitarios, ambulancias, bombeiros e axentes forestais, limpeza, seguridade privada, plantas de tratamento de lixo, sector naval, eólico e persoal sanitario. Así mesmo, para as persoas traballadoras en postos de traballo en cadea, etc.

Desde a CIG esiximos “ luz e taquígrafos” e demandamos transparencia nestas negociacións, non podemos permitir que unha vez máis, aproben “pola porta de atrás” unha nova reforma, que chea de propaganda, envolverá recortes de dereitos e non dará solución ás reivindicacións que desde hai anos vimos reclamando en moitos destes sectores de actividade e postos de traballo nos que estamos condenados a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico e psíquico.

Temos claro que non se pode seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder desfrutala, como tampouco se poder seguir negando a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronificando a emigración e o paro xuvenil entre os menores de 25 anos.

Por todo elo, e ante o que se está a negociar, desde a CIG esiximos ao Goberno español :

1.- Restablecer o dereito a xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para os da industria manufactureira.

2.- Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.

3.- Recoñecemento e mellora dos procedementos para acede aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

Goberne quen goberne, as pensións deféndense!