POSIBLE IRREGULARIDADE NA DOTACIÓN DE CATRO PRAZAS DE AUXILIO NO SCX DE VIGO

Martes, 20 Xan 2026

O 19 de xaneiro diriximos escrito á Dirección Xeral de Xustiza a fin de que nos explicara como se levou a cabo a dotación, por persoal interino, de catro prazas do corpo de Auxilio Xudicial dentro do Servizo Común Xeral, posto que ditas prazas non foron convocadas nin a través da bolsa de persoal interino nin ofertadas aos titulares para a súa provisión en comisión de servizos nas últimas convocatorias realizadas. 

No citado escrito DENUNCIAMOS que, na implantación dos Tribunais de Instancia de Vigo, as catro prazas vacantes do Servizo Común Xeral, entendemos que foron cubertas de maneira irregular, sen pasar por ningún proceso, (bolsa-chamamento) e cubertas directamente por interinos que antes prestaban servizos nos Xulgados de Primeira Instancia n.º 3, 13, 14 e 7, sen que conste ningunha resolución expresa e debidamente motivada (Art. 472.2 da Lei 6/1985, do 31 de xullo, do poder xudicial - Resolución 19 de decembro 2025 da Dirección Xeral e Xustiza), que xustifique a imposibilidade da súa cobertura en comisión de servizos por persoal funcionario de carreira.

A normativa reguladora da provisión de postos de traballo do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, establece que as prazas vacantes deberán ser ofrecidas, con carácter preferente, ao persoal funcionario de carreira mediante os sistemas de provisión legalmente previstos, entre eles, a comisión de servizo, acudíndose ao nomeamento de persoal interino unicamente con carácter subsidiario e excepcional.

Que a circunstancia de que as devanditas prazas do Servizo Común Xeral se atopen actualmente ocupadas por persoal interino, non EMENDA a ausencia de motivación nin EXIME  á administración da obriga de proceder á súa correcta provisión, sendo plenamente procedente a súa oferta en comisión de servizos a funcionarios/as titulares, conforme aos principios de legalidade, mérito, capacidade e boa administración.

Por todo o exposto solicitamos á Dirección Xeral de Xustiza quen nos informara como foi o proceso de nomeamento destes postos, xa que entendemos que non pasaron por ningún dos procesos de cobertura establecidos legalmente e, no seu caso, facilite o acordo de nomeamento de ditos funcionarios co código de rpt respectivo, así como o acordo motivado da súa asignación ao non ter sido adxudicados a través da bolsa de persoal interino, entendendo, doutro xeito, que deberían retrotraerse  as actuacións de provisión das prazas vacantes no Servizo Común Xeral  de Vigo,  ofertándose as mesmas en comisión de servizos a funcionarios de carreira tal e como di a normativa e, en caso de non ser ocupadas, se proceda á provisión por funcionario interino a través do procedemento establecido para a cobertura de prazas a través da Orde do 4 de outubro de 2018.