PP E PSOE IMPIDEN NO PARLAMENTO DE GALIZA APROBAR A CLÁUSULA DE GARANTÍA SALARIAL PARA O PERSOAL PÚBLICO

Mércores, 11 Mar 2026

Os votos en contra do PP e do PSOE impediron, onte 10 de marzo, aprobar no Parlamento de Galiza a Proposta Non de Lei promovida pola Confederación Intersindical Galega (CIG), que contaba co apoio de máis de 5.500 sinaturas de traballadoras e traballadores das administracións públicas galegas.

A Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG tina como obxectivo establecer por lei unha Cláusula de Garantia Salarial que impedise que o persoal das administracións públicas perdese poder adquisitivo como consecuencia da inflación.

A proposta defendía que as retribucións das empregadas e empregados públicos se actualicen cada ano, como mínimo, conforme ao IPC real, incorporando un mecanismo de revisión automática que compensase a diferenza
no caso de que a subida aplicada inicialmente fose inferior á inflación.

Deste xeito, pretendíase garantir que os salarios públicos non dependan cada ano de decisións políticas ou acordos insuficientes, senón que conten cun sistema automático de protección fronte á subida dos prezos.

Ao mesmo tempo, a iniciativa apostaba por avanzar na recuperación do poder adquisitivo perdido polo persoal empregado público ao longo dos últimos anos, tras sucesivas políticas salariais que provocaron unha importante perda real nos seus salarios.

A ILP defendia tamén que esta garantia salarial se aplicase ao conxunto do persoal ao servizo das administracións públicas en Galiza, incluindo a Administración autonómica, local e o sector público instrumental, reforzando así unhas condicións laborais dignas e contribuíndo ao fortalecemento dos servizos
públicos.