PREGUNTA PARLAMENTARIA SOBRE O INCREMENTO DE ASUNTOS PENDENTES NA SECCIÓN CIVIL DO TI DE COMPOSTELA

Xoves, 15 Out 2026

Quixeramos trasladarvos tres parágrafos salientables da resposta que a Dirección Xeral de Xustiza deu a unha pregunta do BNG no Parlamento de Galiza, sobre o criterio, a valoración e as previsións da Xunta de Galiza en relación co incremento do número de asuntos pendentes ante a Sección Civil do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela.

"O Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela non viu reducido o seu cadro de persoal en ningún momento. O acordo acadado con todas as organizacións sindicais da mesa sectorial, salvo a CIG, así o acredita".

Segundo esta resposta todas as centrais sindicais agás a CIG deron a súa validación ao cadro de persoal do TI de Santiago de Compostela e, segundo a resposta, este non se viu reducido na súa totalidade, pero iso non foi o que se lle preguntou á Dirección Xeral. O que se lle preguntou é se a Sección Civil do TI de Compostela viu reducido o seu persoal e, efectivamente, o persoal que se encarga actualmente dos asuntos civis neste tribunal é menor ao que existía antes da entrada en vigor da Lei Orgánica 1/2025.

"Sobre as medidas de reforzo inmediato para reducir a pendencia actual no Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela, aclarar que a organización e dirección das unidades corresponde a quen ostenta as direccións dos servizos comúns. Son os/as
directores/as os que a través dos Plans de actuación, tal e como marca a normativa vixente, identifican un problema na unidade, como pode ser a pendencia, e solicitan á Dirección xeral adoitar a medida que corresponda".

Segundo esta respota a solución aos problemas que poidan existir nos Tribunais de Instancia do noso pais solucionaranse, a través de plans de actuación, e dicir, no canto de reforzar con máis persoal os distintos servizos, o que se poderá pedir por parte das Letradas/os directores é que se autoricen plans de actuacion e polo tanto que se lles pague as traballadoras/es os importes correspondentes previstos no artigo 12 do RD 1909/2000 ou prolongacións de xornada para que saquen o atraso que non son capaces de sacar precisamente por esa falta de persoal. A solución real pasa por crear máis prazas e mentras se xestiona dita creación dotar de reforzos os servizos deficitarios. 

"Salientar a este respecto que este tribunal conta na actualidade con cinco funcionarios de reforzo, dous no servizo común de execución (área penal), dous no servizo común de tramitación (área penal) e un no servizo común xeral na área de rexistro-repartición e asuntos xerais”.

Ningún dos reforzos citados pola Dirección Xeral de Xustiza o son para al Seccion Civil do TI de Compostela que é sobre a que se lle está a facer as preguntas. O Sr. Director Xeral moito pide creación de prazas de Maxistradas/os e de Letradas/os pero non formula ningunha proposta de creación de prazas dos corpos xerais nin de Médicas/os Forenses.