PREGUNTAS E RESPOSTAS SOBRE A NOVA BOLSA DE PERSOAL INTERINO DOS CORPOS XERAIS DE XUSTIZA

Mércores, 23 Set 2026

1. Formación para as persoas que cambian de corpo

Pregunta da CIG:
No caso de persoal funcionario ou interino que xa prestou servizos anteriormente nunha bolsa de traballo correspondente a un corpo distinto do solicitado na nova bolsa, preguntamos se está previsto proporcionar formación específica ou titorización presencial mediante funcionarios/as titulares con prolongación de xornada. Por exemplo, no caso de persoal de Auxilio Xudicial que solicite Tramitación Procesual ou de Tramitación Procesual que solicite Xestión Procesual. Consideramos que, especialmente no paso de Auxilio a Tramitación, debería existir unha formación adaptada, ao tratarse de corpos con funcións e procedementos diferentes. Ademais, o artigo 12 da Orde prevé un curso de formación para quen non acredite seis meses de servizos efectivos no corpo correspondente.

Contestación da DX:
o curso de formación está previsto nos casos nos que non se acrediten seis meses de servizos efectivos nun corpo determinado, para o que se desenvolverá o curso de formación no que se determinará se a persoa é apta ou non apta. Respecto da formación á que se fai referencia de titor/a con prolongación de xornada avaliarase, como se está a facer, cada situación para ver se un determinado funcionario ou funcionaria interina precisa dese tipo de formación.

2. Demoras na cobertura das baixas

Pregunta da CIG:
A CIG leva tempo denunciando a demora que se produce desde que un/unha letrado/a solicita a cobertura dunha baixa ata a incorporación efectiva da persoa nomeada. Consideramos que estes atrasos repercuten negativamente no funcionamento dos órganos xudiciais e incrementan a carga de traballo do persoal. Por este motivo, solicitamos que se adopten medidas para axilizar o procedemento e reducir ao mínimo posible os prazos de cobertura.

Contestación da DX:
tómase nota.....

3. Documentación do SEPE e exención da taxa

Pregunta da CIG:
Poñemos de manifesto os problemas que se produciron coa documentación do SEPE e coa acreditación da exención parcial do pagamento da taxa. Durante o procedemento non quedou suficientemente claro que documentación debía presentarse, o que xerou dúbidas e incluso exclusións. Solicitamos que en futuras convocatorias se establezan instrucións máis claras sobre os documentos necesarios e que se especifiquen correctamente as causas de exclusión relacionadas co pagamento da taxa ou coa xustificación da exención.

Contestación da DX:
tómase nota..

4. Renuncias a nomeamentos das bolsas anteriores

Pregunta da CIG:
Solicitamos aclaración sobre o caso dunha persoa que está nomeada nun corpo, por exemplo Auxilio Xudicial, e que coa entrada en vigor das novas bolsas pasa a integrar outro corpo diferente, como Tramitación Procesual. Preguntamos se a renuncia voluntaria ao nomeamento anterior suporía a exclusión da nova bolsa.

Contestación da DX:
Non, as renuncias a postos ofertados coas bolsas anteriores non conlevan a exclusión na nova bolsa, se esa renuncia se solicita antes de que a nova bolsa entre en vigor. Unha vez se publique a bolsa, a renuncia conlevará a exclusión por un período dun ano previsto na Orde aínda que derive dun nomeamento anterior.

5. Actualización das bolsas

Pregunta da CIG:
En relación co artigo 11 da Orde, consideramos que a referencia a que se abrirá “periodicamente” un prazo para incorporar novas persoas e actualizar méritos é demasiado indeterminada. Entendemos que debería establecerse unha periodicidade concreta, por exemplo anual, para garantir a transparencia, a igualdade de oportunidades e a actualización efectiva das bolsas.

Contestación da DX:
Tal e como recolle o artigo 11 da Orde será mediante resolución da persoa titular da Dirección xeral de xustiza, logo de negociación na Mesa sectorial, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, polo tanto corresponde á mesa sectorial, e non a esta comisión, a negociación referida á vixencia e actualización das bolsas.

6. Suspensión dos chamamentos

Pregunta da CIG:
Consideramos que non ten moito sentido, nunha bolsa de duración indeterminada, permitir unha única suspensión de chamamentos e obrigar a xustificar continuamente o mantemento desa situación, o que xera tamén máis carga administrativa. Entendemos que sería máis sinxelo aceptar a suspensión inicial e que sexan as persoas interesadas quen comuniquen a súa reincorporación cando desapareza a causa.

Tamén preguntamos que ocorre no caso dunha persoa que está traballando e que inicialmente non solicita a suspensión por atoparse nun posto afastado da bolsa, pero que decide solicitala cando a súa posición se aproxima e existe unha expectativa real de chamamento.

Contestación da DX:
Tómase nota aínda que este tipo de consideracións son propias da tramitación da proposta de Orde...

A CIG reclama respostas e solucións, non só «tómase nota»

Desde a CIG Xustiza consideramos insuficiente a resposta ofrecida pola Dirección Xeral nalgunhas das cuestións formuladas. Ante problemas que afectan directamente ao funcionamento dos órganos xudiciais e ás condicións de acceso e permanencia nas bolsas de persoal interino, limitarse a responder «tómase nota» non achega ningunha solución nin supón ningún compromiso concreto por parte da Administración.

Trasladamos estas cuestións precisamente para que sexan analizadas e se adopten medidas que permitan corrixir os problemas detectados. Por iso, consideramos necesario que a Dirección Xeral concrete que medidas vai adoptar, en que prazos e como se van introducir as melloras necesarias no funcionamento das bolsas.