PROCEDEMENTO PARA O TRASLADO DE VICTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO AOS XUGADOS COMARCALIZADOS

Luns, 12 Xan 2026

Con motivo da entrada en vigor do Real decreto 422/2025, do 3 de xuño, que crea novas seccións de violencia contra a infancia e a adolescencia e amplía o persoal do Ministerio Fiscal, a Xunta de Galicia habilitou un servizo de traslado para todas as persoas citadas xudicialmente nas seccións de violencia sobre a muller, dos tribunais de instancia de Santiago de Compostela e Ourense, cando estas se atopen noutro partido xudicial distinto ao da sede da sección.

O decreto amplía a xurisdición destas seccións aos seguintes partidos xudiciais:

  • Santiago de Compostela: Noia, Arzúa, Ribeira, Negreira, Muros, Padrón e Ordes.
  • Ourense: Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e Bande.

Segundo a Lei orgánica do poder xudicial, a Administración de xustiza deberá facilitar un medio de transporte adecuado para as persoas citadas desde outro partido xudicial ou provincia distinto ao da sede da sección correspondente.

O servizo será prestado pola Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), que xa conta con experiencia en traslados de mulleres vítimas de violencia de xénero, garantindo profesionalidade, seguridade e confidencialidade.

O proceso de solicitude realízase por vía electrónica a través dun formulario normalizado, a petición dos órganos xudiciais, oficinas de asistencia ás vítimas ou forzas e corpos de seguridade. Unha vez efectuado o traslado, entregarase un certificado electrónico de execución asinado polo letrado da Administración de xustiza ou o fiscal correspondente.

Para facilitar o traballo do persoal e centralizar toda a información, creouse unha nova páxina na intranet de Xustiza con toda a información do servizo de traslado.

Podes acceder desde o menú superior "Medios --> Servizo de traslado ás seccións de violencia sobre a muller" ou desde esta ligazón. Nesta páxina están dispoñibles tanto o protocolo de actuación coma os formularios de solicitude e certificación.