PROMOCIÓN INTERNA - O TEMPO VOLVE DAR A RAZÓN Á CIG
Función Pública reuniu novamente ás organizacións sindicais este 10 de xuño, para abordar a situación dos procesos de promoción interna na Administración Xeral do Estado. Unha reunión na que, unha vez máis, a propia Administración recoñeceu mediante os datos achegados que o actual modelo presenta importantes deficiencias, prazas sen cubrir, escasa participación nalgúns procesos e unha duración excesiva das convocatorias.
Dende a CIG non podemos máis que constatar que o tempo volve darnos a razón.
Xa en xaneiro de 2023 advertiamos que o "Acordo sobre os criterios que deben rexer a selección do persoal a través dos procesos de promoción interna", aprobado en novembro de 2022 co apoio de CSIF, UGT e CCOO, non era máis que unha declaración de boas intencións sen compromisos reais nin prazos efectivos para a súa implantación, por eso a CIG NON O ASINOU.
Naquel momento na CIG denunciamos que non se poden asinar acordos que establecen criterios pero non obrigas concretas, e advertimos que os compromisos adquiridos acabarían incumpríndose. O paso do tempo confirmou plenamente esa análise, convocatorias atrasadas, procesos practicamente idénticos aos anteriores, mantemento de temarios excesivos e ausencia das modificacións comprometidas.
Agora, en 2026, a situación segue evidenciando que aquelas advertencias eran acertadas. O propio acordo da OEP de 2022 establecía unha revisión integral dos procesos de promoción interna nun prazo de tres meses para simplificar procedementos, reducir tempos e mellorar a cobertura das prazas convocadas. Catro anos despois, continúan sen materializarse cambios significativos.
O máis preocupante é que, malia que a propia Administración recoñece que existe un problema e presenta datos que evidencian o fracaso do modelo actual, segue sen poñer enriba da mesa unha proposta real de reforma nin un calendario concreto para a súa implantación. Seguimos instalados na mesma dinámica dos últimos anos, reunións, análises, grupos de traballo e intercambios de opinións que non se traducen en decisións efectivas nin en melloras palpables para o persoal empregado público.
Porque o problema xa non é a falta de diagnóstico. O problema é a falta de vontade para adoptar medidas concretas. Fálase moito da necesidade de reformar a promoción interna, pero non se move nada. Mentres tanto, os procesos continúan sendo excesivamente longos, complexos e pouco atractivos, perpetuando unha situación que desincentiva a participación e dificulta a carreira profesional.
➔ Durante a reunión, a CIG reiterou a necesidade de acometer unha reforma profunda dos procesos de promoción interna, defendendo medidas como:
➔ Garantir a seguridade xurídica do persoal e o dereito á permanencia no posto.
➔ Simplificar os procesos selectivos e adaptar as probas á experiencia profesional xa acreditada. ➔ Reservar as notas obtidas para convocatorias posteriores.
➔ Recoñecer e valorar a experiencia profesional adquirida.
➔ Impulsar programas de formación específicos para facilitar a promoción interna do persoal funcionario e laboral.
➔ Explorar fórmulas de promoción por concurso mediante as modificacións normativas necesarias.
A CIG seguirá defendendo cambios reais e efectivos, porque a experiencia destes anos demostra que as boas intencións sen compromisos concretos acaban converténdose, unha vez máis, en papel mollado.