Radón a niveis perigosos na AEAT e novas imposicións no ADI de Vigo: a CIG esixe medidas reais e respecto aos dereitos do persoal
No día de hoxe, A CIG volveu denunciar no Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI) da AEAT a situación preocupante da prevención de riscos laborais, especialmente en Galiza.
Radón: un risco grave e mal xestionado
Radón: un risco grave e mal xestionado
A CIG puxo de manifesto que existen numerosos centros da AEAT en Galiza con niveis de radón superiores aos 300 becquerelios, así como casos especialmente graves como a Delegación de Ourense e a Administración de Foz e Tui, con valores por riba dos 1.000 becquerelios.
Lembramos que o radón é un gas canceríxeno recoñecido pola OMS, que recomenda niveis por debaixo dos 100 becquerelios, mentres que a AEAT continúa conformándose co límite legal de 300.
Desde a CIG denunciamos que a AEAT se limita a medir e a aplicar solucións provisionais como a ventilación natural, sen medidas técnicas reais.
Esiximos:
- A aplicación dos criterios da OMS
- A eliminación dos postos en sotos e semisotos
- Medidas estruturais reais
- Medicións frecuentes e transparentes
- Estudos epidemiolóxicos ao persoal
A CIG denunciou que o propio Plan de Actividades Preventivas atrasa avaliacións de riscos en centros galegos como o Arquivo de Orillamar (A Coruña) e a Administración da Estrada, trasladándoas a 2026.
Isto demostra que a prevención real segue sendo postergada ano tras ano.
No apartado de rogos e preguntas, a CIG denunciou a intención da AEAT de impor un sistema de avaliación entre compañeiras e compañeiros no ADI de Vigo, sen negociación previa.
Desde a CIG advertimos que esta medida:
- Non forma parte das funcións do persoal
- Xera presión e conflitos
- Agrava os riscos psicosociais
A CIG seguirá loitando por unha prevención real, pola protección da saúde das traballadoras e traballadores e contra calquera imposición que empeore as condicións laborais.
A saúde non se negocia!
A loita é o único camiño!