Reunión Comisión Paritaria IV CUAGE de novembro
Valoración da CIG: máis un esperpento que unha negociación
1. Expedientes de asignación de complementos:
A Comisión Paritaria continúa instalada nun auténtico esperpento. Os departamentos de RRHH dos distintos ministerios envían propostas razoadas, xustificadas e documentadas… para que despois Función Pública, desde Relacións Laborais, as bote abaixo sen rubor.
Uns expedientes son rexeitados porque “non son necesarios”; outros, porque “non se motivan dabondo”, desautorizando así os informes que elaboran os seus propios compañeiros dos ministerios. A situación é tan grotesca que podemos afirmar que estamos ante unha verdadeira Disfunción Pública.
2. Concurso de Traslados: outro incumprimento máis
O compromiso era claro: catro resolucións ao longo de 2025. A realidade, unha vez máis, é lamentábel: só se van resolver dous concursos.
Lonxe de mellorar, a Administración empeora os seus propios compromisos e suma outro incumprimento á lista infinita de atrasos, falta de previsión e desgoberno organizativo.
3. Xubilación Parcial: o gran INCUMPRIMENTO do Convenio
Este tema é xa un insulto para o persoal. Desde Relacións Laborais non queren —nin teñen interese ningún— en abordar a regulación das condicións da xubilación parcial.
A escusa do día é que hai unha nova Directora Xeral de Función Pública e que “non saben como se vai encarar esta negociación”. Resultado: o persoal segue sen poder exercer un dereito recoñecido no Convenio, convertido xa en papel mollado.
4. Ofertas de Emprego Público: improvisación absoluta
Nin saben como se van executar as ofertas xa publicadas, nin teñen claro cando —ou como— se publicarán os procesos selectivos.
Todo queda en “xa veremos”, “haberá que analizar”, “máis adiante informarase”.
Nada que sorprenda a ninguén: a improvisación converteuse no único método de traballo desta Administración.
5. Conclusión: unha Comisión Paritaria que dá vergoña allea
O funcionamento da Comisión Paritaria IV CUAGE é doado de resumir:
PENOSO. Moi PENOSO.
Limitan a súa actividade a asignar complementos segundo o criterio unilateral de RRLL, sen transparencia nin criterios obxectivos, á vez que amortizan postos de traballo coma se sobrasen, e bloquean avances fundamentais para o persoal.
A CIG denuncia que esta Comisión Paritaria está totalmente degradada, sen capacidade real de negociación e convertida nun simple espazo para formalizar decisións adoptadas de antemán polos despachos de Función Pública.