Reunión da Mesa de Negociación Delegada do Ministerio de Defensa
Reunión da Mesa Delegada
O 24 de setembro reuniuse en Madrid a Mesa Xeral de Negociación Delegada para o Ministerio de Defensa, co obxectivo de continuar a tratar o principal problema laboral que ten actualmente, que afecta à cuestión salarial do persoal civil público empregado no mesmo.
A CIG valora con moderada satisfacción esta reunión, ante a confirmación que se deu na mesma por parte de Defensa do envío ao Ministerio de Facenda e Función Pública, dos expedientes de mellora salarial extraordinaria para o persoal funcionario e laboral, correspondentes ao ano 2026, nos mesmos termos que se concederon no ano 2025, é dicir, 2400€ brutos.
A nosa satsifacción é moderada porque o que debería ser normal semella que se converte en extraordinario, e este anuncio, que debería ser feito no primeiro trimestre do ano, é no último treito do mesmo cando se ve efectivamente confirmado, prolongando excesivamente a comprensíbel incertidume do persoal.
Este feito constata as dificultades de Defensa en conseguir implicar o compromiso de Facenda na concesión para este ano dun novo crédito orzamentario que permita repetir a mellora salarial conseguida o ano pasado, e revela que este asunto non é só un problema de Defensa, senón que implica ao conxunto da Administración do Estado.
Anuncio de mellora salarial para este 2026
A 7 de outubro, no momento en que estamos redactando estas liñas informativas, recibimos a comunicación oficial por parte do Ministerio de Defensa que esta mellora salarial xa se fará efectiva na nómina de outubro do presente ano, recollendo en conceito de atrasos 1800€, e 200€ de Produtividade Obxectivos Departamento, -ou MUA, para o persoal laboral-, correspondentes ao mes de outubro. Na nómina de novembro fariase o abono doutra mensalidade de 200€, e na de decembro os outros 200 restantes.
Tamén se confirmou que o persoal estatutario verá reflectido nesta nómina de outubro a gratificación salarial que aínda tiña pendente do ano 2025 aplicando o Acordo do complemento de produtividade variábel aprobado a finais de febreiro (que a CIG non asinou por recoller cantidades maiores das ofrecidas ao persoal funcionario e laboral), e que no mes de novembro envirán o expediente correspondente a este ano en curso.
Ante este anuncio de mellora retributiva para este 2026, que non deixa de ser amplamente positivo, a reunión da Mesa Delegada quedou en certa maneira desvirtuada, e volveu a quedar para outra reunión a negociación da Instrución de produtividade do persoal funcionario, así como a creación do correspondente complemento de produtividade para o persoal laboral.
CIG volve insititir na mellora do Complemento Específico/Singular de Posto
Desde principios deste ano propuxémonos como obxectivo dar a batalla pola total xustiza na solución ao conflicto laboral xerado por motivos de discriminación salarial, presentando unha proposta que procuraba unha igualdade de trato co persoal militar, que pasaba por garantir,-por dereito-, a mellora salarial mediante unha suba do Complemento Específico/Singular dos postos de traballo do conxunto do persoal civil, polo feito de estar encadrados no Ministerio de Defensa.
Aproveitamos esta nova reunión da Mesa Delegada para volver incidir na mesma proposta, coa finalidade de deixar en evidencia as limitacións e discrepancias que se podan derivar das negociacións de Instrucións de complementos de produtividade do persoal civil.
Tendo en conta que a intención da Administración, coa connivencia da maioría sindical, é de encadrar erroneamente unha mellora salarial nunha produtividade que, en realidade, no fondo e na motivación, é unha suba que pertence ao posto de traballo en si,- polo feito de pertencermos ao Ministerio de Defensa-, e non à persoa que ocupa ese posto, feito que si retribúe a produtividade.
Da CIG somos conscientes que se non se acepta este punto de partida, -a modificación mediante mellora do Complemento Específico/Singular-, tal e como se fixo co persoal militar, problemas como a permanencia da mellora salarial para os próximos anos, a determinación do importe concreto anual, os períodos de abono, ou outras cuestións importantes para dar certidume ao persoal como a garantía de percepción en períodos de Incapacidade Temporal, non quedarán blindadas se finalmente se encadra a mellora no complemento de produtividade.
A mobilización é o camiño para conseguir dereitos
A pesar do ton triunfalista da reunión, da CIG non queremos perder a perspectiva do camiño andado e por iso queremos seguir mantendo a vontade de mobilización do conxunto do persoal, até velo efectivamente materializado na nómina.
Por este motivo, convocaremos proximamente novas mobilizacións do persoal civil empregado no Ministerio de Defensa na Galiza, en Ferrol e Marín, o mércores 21 de outubro às 11.00hh, co obxectivo de parabenizarnos colectivamente con este novo paso positivo, pero cuxo conflicto de fondo non se solucionou ao persistir o feito discriminatorio respeito ao persoal militar, ao ofrecernos a suba salarial por concesión, e non por dereito.
Queremos transmitir con esta nova mobilización que o conseguido este ano, é un novo triunfo da razón fronte unha situación inxusta, que aínda cobra máis trascendencia en tempos de retroceso de dereitos para o conxunto do persoal público.
A mobilización activa do persoal civil foi, e continúa a ser, a que conseguiu arrincar esta nova concesión por parte da Administración