Reunión da mesa Delegada de Negociación de Defensa

Xoves, 02 Xul 2026

A CIG valora negativamente esta última reunión da Mesa Xeral de Negociación para o Ministerio de Defensa ao constatar que se ralentiza o proceso de buscar unha solución de mellora retributiva para o conxunto do persoal civil que poña fin à discriminación salarial cometida o pasado ano con este colectivo

A situación de negociación está onde a deixamos na reunión de finais de febreiro deste ano, non se avanzou.

A expectativa da CIG sobre esta reunión estaba en continuar a negociar a proposta de actualización da Instrucción de produtividade do persoal funcionario, poñendo en contraste as alegacións presentadas polo conxunto das organizacións sindicais que participan na Mesa Negociadora, así como asistir à presentación dunha proposta inicial da Administración sobre a conversión da Mellora Unilateral da Administración (MUA) nun complemento salarial de produtividade para o persoal laboral.

A realidade foi que a Administración obviou ao conxunto do persoal civil. Centrou a prioridade en seguir asentando o modelo retributivo do persoal estatutario, xa iniciado na anterior reunión coa aprobación do plan de produtividade variábel, que foi a vía pola que optou a Administración para implementar a suba salarial froito da discriminación co persoal militar.

A vontade negociadora retomada desde finais do pasado ano, despois de facerse efectiva a gratificación salarial por parte do Ministerio co que veu a recoñecer o conflicto discriminatorio cometido, ía plasmándose na convocatoria de reunións cun carácter exclusivamente retributivo.

Porén, desta volta interrompeuse esa Mesa específica de Retribucións pola decisión do Ministerio de priorizar a resolución de problemas do persoal estatutario nos Hospitais de Madrid e Zaragoza, así como a negociación dun acordo sobre o seu modelo de carreira profesional e a continuación do desenvolvemento do proxecto de Orde Ministerial das súas retribucións derivado do proceso de estatutarización aprobado o ano pasado.

Ante isto, a CIG reclamou a reconducción da liña negociadora específica de cuestión retributiva até dar unha solución co conflicto discriminatorio de base, que actualmente continúa vixente, e que seguirá mentres non se aborde unha solución para a totalidade do persoal, independentemente do seu réxime xurídico.

A posición da Administración é ambígua e revela, por unha banda, a falta de compromiso explícito do financiamento de mellora retributiva para o 2026 ofrecido por Facenda e, por outro lado, a falta de consenso con Función Pública sobre o modo de como aplicala.

En definitiva, o estado de solución ao conflicto laboral derivado da discriminación salarial respeito ao persoal militar continúa, segundo palabras da Administración, “en estudo” e con intención de continuar abordándoo na próxima reunión, que terá lugar no mes de setembro ou outubro.

Información de interese ofrecida polo Ministerio

- Estado de execución das OEP

Persoal funcionario: os procesos selectivos derivados da OEP do 2024 están finalizados co nomeamento xa publicado. É rechamante a baixa cobertura de prazas do Corpo de Enxeñaría Técnica da Armada (6 cubertas de 29 ofertadas).

Respeito à OEP de 2025 está en pleno proceso selectivo, en fase de oposición ou concurso segundo o caso.

Faise mención aquí, que unha vez finalicen os procesos selectivos dos Corpos de Arsenais (Oficialía, Mestría, Enxeñaría Técnica) desta OEP de 2025, e con carácter previo à publicación da resolución de persoas aprobadas, tanto por acceso libre como por promoción interna, comezarase a implementar o Acordo relativo à mobilidade do funcionariado de carreira dos Corpos de Arsenais da Armada previa à incorporación de persoal de novo ingreso, suscrito por todas as organizacións sindicais que participan na Mesa Delegada

Este Acordo permitiría ao persoal que ingresou nas OEP de 2024, e de maneira extraordinaria por este primeiro ano, o de 2023, a posibilidade de volver elexir os destinos que ofreza a Armada por consideralos de imprescindíbel cobertura.

Desta maneira, a Subdirección Xeral de Persoal Civil, a través da Xefatura de Persoal da Armada, comunicará por vía electrónica esta posibilidade ao persoal xa ingresado por esas OEP.

Este é o motivo polo que nas bases da OEP de 2025 non se localizaran concretamente os destinos, e se establecera unha porcentaxe de referencia para a zonas xeográficas onde hai Corpos de Arsenais.

 

Persoal Estatutario: os procesos selectivos derivados da OEP do 2024 están finalizados co nomeamento xa publicado. Os da OEP de 2025 en proceso.

Persoal laboral: o proceso selectivo das prazas correspondentes à Taxa adicional de reposición pola xubilación parcial xa están adxudicadas. De 343 prazas ofertadas cubríronse 249.

Informan que se ofertarán 686 prazas de acceso libre e de 659 para promoción interna derivadas da OEP dos anos 2023 e 2024, que aínda estaban pendentes. Os procesos selectivos destas prazas convocaranse nos próximos días.

- Concursos do persoal funcionario I

nfórmase que está en proceso o Concurso Xeral do Ministerio. Para 177 postos recibíronse 372 solicitudes, das que 117 proveñen de fóra de Defensa. A Comisión de Valoración convocarase para a segunda semana de xullo.

O Ministerio informa de planificar a convocatoria dun Concurso Específico para finais de ano, deixando constancia que non recollerá postos de Corpos de Arsenais.