REUNIÓN GRUPO DE TRABALLO MINISTERIO DE XUSTIZA

Mércores 7 de febreiro de 2024
Xoves, 08 Feb 2024

Este mércores déronse por concluídos os grupos de traballo no ámbito de negociación da Mesa Sectorial da Administración de Xustiza no que participou a CIG, ELA, CSIF, STAJ, CCOO e UGT.

Destas reunións saíron dous documentos. Un sobre a afectación, a grandes trazos, das leis de eficiencia no noso traballo e outro que servirá como regulación básica para o teletraballo.

O texto sobre o teletraballo vai servir tamén como documento inicial para o grupo de traballo que dentro da Conferencia Sectorial se vai a constituír o próximo luns entre o Ministerio de Xustiza e as CCAA.

O do impacto das leis de eficiencia é a base que o Ministerio esixía para fundamentar a suba salarial.

Ambos textos elévanse agora á Mesa Sectorial, á que xa quedamos emprazados para o vindeiro día 21. Nesa reunión aínda teremos opción de negociar algunhas cuestións que a CIG entende que deberían recollerse. Tamén lle transmitimos ao Ministerio que ese día xa se debería abordar directamente a cuestión económica e insistimos que ten que ser para todo o persoal da Administración de Xustiza con independencia de onde preste os seus servizos, xa que as novas leis van ser de aplicación estatal, polo que a afectación ao traballo vaise dar en todo o Estado.

OUTRAS INFORMACIÓNS:

XPA promoción interna: Publicarase no BOE do 23 de febreiro a listaxe definitiva de aprobadas.

XPA quenda libre: O tribunal cualificador único emitirá unha nota informativa este venres. Xa teñen rematado de corrixir case todos os ámbitos e aseguran que publicarán as notas antes de que remate o prazo de presentación de instancias da última convocatoria.

As convocatorias de promoción interna da OEP 2023 xa están remitidas ao BOE.