Reunirse para acordar volver a reunirse

Luns, 10 Nov 2025

Mentres o persoal público continúa acumulando anos de perda de poder adquisitivo, coas nóminas conxeladas e as administracións cada vez máis baleiras de persoal, CCOO, UGT e CSIF preséntanse diante da opinión pública coma se acabasen coa fame no mundo… por conseguir un calendario de reunións.

É dicir, reuníronse o 5 de novembro para acordar que se van volver reunir o 19 de novembro, e logo chamáronlle a iso “inicio dun novo tempo de diálogo social”. O Ministerio, encantado: promete cifras “máis adiante” e unha oferta económica “que xa veremos”. E eles, felices, sacan nota de prensa, gravan vídeo, e decláranse satisfeitos. O show debe continuar.

Na CIG preguntámonos se é que se confunde a acción sindical coa xestión de axendas. Porque mentres outros celebran o feito de sentarse, nós seguimos reclamando que se cumpla o artigo 34.1 do Estatuto Básico do Empregado Público, é dicir, negociación real e transparente nas mesas que corresponden, non cafés a porta pechada con notas de prensa de autopromoción.

As organizacións que levan anos asinando acordos por debaixo do IPC agora falan de “subida por enriba do IPC”, como se acabasen de descubrir que a inflación existe. E o “Acordo marco para unha Administración do século XXI”, que eles mesmos deron por liquidado, segue servindo de escusa para vender fume.

Dende a CIG dicímolo claro: isto non é negociación colectiva, é teatro institucional con subvención. O persoal público non precisa calendarios nin promesas difusas, senón medidas concretas e inmediatas: recuperación salarial, redución da xornada ás 35 horas, melloras en carreira profesional, estabilización real do emprego e fin das taxas de reposición.