Serie: A informática tributaria e o persoal da Axencia
Máis de 472 millóns de euros en contratación informática de persoal externo
Total cuadrienio 2023-2026
Cando a CIG analizou a Programación Contractual da AEAT 2023-2026, o primeiro que fixo foi algo que a propia Administración non fai: sumar. Porque os documentos públicos da Axencia presentan os contratos un a un, sen totais por área nin importes consolidados. Esa falta de agregación non é inocente: dificulta que calquera persoa -incluído o propio persoal- poida facerse unha idea do volume real do que se está contratando.
Nós fixemos esa suma. E o resultado é este:
- 2023: arredor de 166 millóns de euros en contratación informática externa. O contrato máis grande: xestión integral das telecomunicacións, 67,5 millóns.
- 2024: arredor de 167 millóns de euros. Inclúe, entre outros, os sistemas de Big Data e Investigación da Fraude (11 millóns) e a atención telefónica á cidadanía contribuínte (42 millóns).
- 2025: arredor de 77 millóns de euros. O contrato central: transformación dixital do Departamento de Informática Tributaria, 68 millóns, con duración de ata catro anos.
- 2026: arredor de 62 millóns de euros, coa operación cotiá dos sistemas máis críticos da Axencia entregada a empresas privadas mediante contratos de 24, 36 e mesmo 48 meses. A partida máis importante deste ano é a de Servizos informáticos para dar soporte aos Servizos Centrais e Territoriais da Axencia Estatal de Administración Tributaria, é dicir, substituír persoal propio por empresas privadas, por un importe de case 24 millóns de euros en 2 anos.
472 millóns de euros. Esa é a magnitude do que estamos a falar. E en ningunha parte dos documentos públicos da AEAT aparece un plan paralelo para reforzar con ese diñeiro -ou con calquera outro- os cadros de persoal propios da Axencia.
Na seguinte nota veremos en que consisten concretamente eses contratos: que funcións están en mans privadas e por que iso nos preocupa.
A loita é o único camiño!