Solicitamos que se poida traballar en galego no noso correo corporativo (HCL Notes)

Mércores, 15 Xul 2026

Dende a CIG vimos de dirixirnos á Dirección da Axencia Estatal de Administración Tributaria para esixir algo tan básico como necesario: poder traballar na nosa lingua tamén na ferramenta de correo electrónico corporativo, HCL Notes.

A situación é clara e é inxusta. HCL Notes é unha ferramenta que, polas súas propias características técnicas, permite configurarse en practicamente calquera idioma, mediante os paquetes de idioma que o propio fabricante distribúe. E de feito, xa está adaptado para funcionar en catalán na propia AEAT: interface, corrector ortográfico, configuración de idioma predeterminado... todo dispoñible para quen queira usalo. Para o galego, en cambio, esta posibilidade non existe. E iso a pesar de que somos moitos e moitas os que traballamos nesta lingua cada día, tanto na atención ao público coma nas relacións internas.

Non hai xustificación técnica que sosteña esta desigualdade. Se o sistema admite practicamente calquera idioma, e ademais xa está configurado en catalán, o único que falta é vontade política por parte da Axencia para facer o mesmo co galego.

Por iso solicitamos formalmente:
  • A adaptación técnica de HCL Notes (correo, iNotes/webmail se procede, calendario e ferramentas asociadas) para funcionar plenamente en galego.
  • Interface, corrector ortográfico e gramatical, e configuración de idioma en galego, en igualdade real coa lingua catalá.
  • Que se nos informe do calendario de implementación e das xestións feitas coa empresa fornecedora.
  • Que, mentres tanto, se nos explique de forma motivada por que, tendo o sistema capacidade multiidioma acreditada e estando xa configurado en catalán, non se fai o mesmo co galego.
Isto non é un capricho. É unha cuestión de dereitos lingüísticos recoñecidos na Constitución, no Estatuto de Autonomía de Galicia e na Lei de normalización lingüística. E é tamén, simplemente, unha cuestión de trato igualitario entre traballadoras e traballadores da mesma Administración, en función da lingua propia da súa comunidade.

Manteremos informado o persoal de calquera resposta ou avance por parte da Dirección.